O Sergas deberá pagar 25.000 euros pola morte dun home que esperaba un marcapasos

A sentenza non concede á viúva a indemnización de 60.000 euros que solicitaba ao non apreciar "mala praxe" senón unha "perda de oportunidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2019 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 25.000 euros á familia dun home de 84 anos que faleceu mentres esperaba a colocación dun marcapasos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU). Segundo explicou a defensa da familia, os feitos remóntanse a outubro de 2014, cando o ancián ingresou no Servizo de Cardioloxía do CHOU por dous episodios de mareo sen perda de conciencia.

O 30 de outubro realizóuselle un estudo de 24 horas, que constatou un caso de fibrilación auricular durante todo o rexistro. Así, o informe do xefe do Servizo de Cardiología sinala que o 3 de novembro solicitouse un implante de marcapasos permanente. O 4 de novembro o paciente tivo un novo episodio de mareo ao redor das 16,30 horas, segundo sinala a defensa, e outro pouco antes das 20,00 horas. Así, o paciente faleceu ese mesmo día ás 20,30 horas, "aos sete días tras o seu ingreso por Urxencias".

Tal como di a sentenza, a parte actora entende que a pericial xudicial é "concluínte" e que a "única" posible causa do falecemento é a parada cardíaca, indicando que "ao perito non lle cabe dúbida de que houbo erro de diagnóstico", engadindo que "se trata dun erro grave, constitutivo dun grave déficit asistencial, e, por tanto, de mala praxe médica".

"PERDA DE OPORTUNIDADE"

Finalmente, a sentenza non concede á viúva a indemnización de 60.000 euros que solicitaba ao non apreciar "mala praxe" senón unha "perda de oportunidade". "Apreciada a perda de oportunidade, non a mala praxe, e tendo en conta o grao de probabilidade e a entidade do alcance do posible efecto beneficioso, non procede recoñecer a indemnización solicitada de 60.000 euros para a viúva e 30.000 euros para a filla", explica o xuíz.

Así, o xulgado condenou ao Sergas a pagar 20.000 euros á viúva e 5.000 euros á filla, ambas as denunciantes, así como "os intereses correspondentes" polos danos e prexuízos causados. Contra esta resolución cabe interpor recurso de apelación, admisible en ambos os  efectos, no prazo de quince días seguintes á súa notificación.

Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo
Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta