BNG e PPdeG critican a xestión de Pedro Sánchez

O PSdeG enmarca as críticas na proximidade da campaña electoral para os comicios do 28 de abril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O BNG e o PPdeG coincidiron este luns ao criticar a xestión do Goberno de Pedro Sánchez en relación a Galicia, mentres que o PSdeG enmarcou as críticas na proximidade da campaña electoral para os comicios do 28 de abril.

Declaración institucional de Pedro Sánchez para comunicar a data das próxim. Óscar do Pozo - Europa Press
Declaración institucional de Pedro Sánchez para comunicar a data das próxim. Óscar do Pozo - Europa Press

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou esta lexislatura como "perda para Galicia". E é que, na súa opinión, Galicia necesita recuperar "voz propia" no Congreso da man dunha forza política como o BNG, "sen ataduras", tras constatar que os partidos estatais "non supoñen máis que unha mera alternancia na discriminación".

Tras iso, lamentou a "incapacidade" da esquerda española para reverter os recortes en dereitos e liberdades da dereita fronte a un "PP en minoría". "Aí seguen as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a Lomce", indicou.

Por último, referiuse á visita este luns a Lugo do ministro de Fomento, José Luís Ábalos. "Antes viña Ana Pastor, hoxe está Ábalos en Lugo pero antes de presentarnos un 'powerpoint' da intermodal estaría ben que non necesitásemos catro horas para viaxar en tren de Lugo a Santiago", manifestou para pedir tamén que aproveite para anunciar unha "rebaixa" na "estafa" das peaxes da AP-9.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, está mergullado nunha "longuísima campaña de imaxe persoal que trata de encubrir os seus tres grandes fracasos".

"Nin se rexenerou a vida política española, nin se solucionou a cuestión territorial e o problema catalán, nin se están solucionando os problemas que fan a economía española débil ante unha nova desaceleración", apuntou.

Así mesmo, Pedro Puy lembrou que o proxecto de orzamentos do Goberno do Estado "incorporaba novos gastos e unha previsión insuficiente de novos ingresos" polo que diversos organismos advertiron que "se ía a superar o déficit previsto". "Desde que se rexeitaron os orzamentos o único que está a facer é presentar novas propostas de gasto, xa sen falar de ingresos", censurou.

O PSDEG ENMARCA AS CRÍTICAS NA CAMPAÑA

O portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, respondeu ás palabras da líder frontista, que encadrou nun contexto de "campaña electoral" pero que "os votantes e simpatizantes do BNG se dan conta do cambio" que supuxo a saída do popular Mariano Rajoy e a chegada de Pedro Sánchez.

Neste sentido, esgrimiu que o Partido Socialista puxo en marcha desde a Moncloa políticas de "descentralización" do Estado e de "contido social" que supuxeron un xiro respecto do que practicaba o Partido Popular.

Así, lembrou medidas como a suba das pensións, o aumento do salario mínimo, a lei de dependencia ou a "eliminación" do copago sanitario que, segundo Leiceaga, supuxeron "unha boa noticia para moitas familias de Galicia".

Para Leicega, os socialistas están en disposición de "concentrar o voto progresista" nas eleccións xerais do próximo 28 de abril, cita na que "sería unha magnífica noticia" que Galicia outorgue 10 deputados do PSOE no Congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta