Os eucaliptos afectan a abundancia e calidade da auga

A Sociedade Galega de Historia Natural alerta dos efectos negativos dos eucaliptais nas bacías hidrográficas e nos macroinvertebrados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/03/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

As plantacións de Eucalyptus globulus —a especie de eucalipto máis estendida en Galicia— alteran os reximes hidrolóxicos nas bacías. Así o alerta a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que, en base a traballos científicos, lembra que os solos baixo eucaliptais son moi hidrofóbicos (o termo hidrófobo aplícase a aquelas substancias que non son solubles en auga e por tanto non son capaces de interaccionar coas moléculas de auga), provocando grandes flutuacións estacionais nos caudais.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

A SGHN subliña un caso de estudo no que o cambio de uso dunha rotación forraxeira millo-pasteiro a unha plantación de eucalipto altera a hidroloxía da estación seca nunha pequena bacía, facendo que o nivel da capa freática ao cabo de seis anos baixase o dobre de rápido que antes da plantación.

Tamén apunta que durante os dez primeiros anos dunha plantación de eucalipto o caudal diminuiu nun 22% debido a unha maior intercepción da chuvia (sobre todo no período húmido) e a unha maior evapotranspiración durante o período seco.

No mesmo senso, salienta que cando hai uhan menor demanda de auga polas plantacións de eucaliptos aumentan os caudais nos cursos de auga, por exemplo nun 47% despois dun clareo da masa ou nun 22% durante cinco anos de afección por unha praga de Gonipterus scutellatus., insecto orixinario de Australia que desde os anos 90 é o inimigo dos eucaliptos na Península Ibérica.

A SGHN recolle as recomendacións de estudos que piden que a influencia da plantación de eucalipto sobre as reservas e as descargas de auga debería terse en conta no manexo da bacía hidrolóxica.

Na mesma liña, recorda que hai máis de 30 anos, en Portugal xa se coñecían problemas coa baixada da capa freática e o subministro de auga en zonas con escasas precipitacións e e grandes plantacións de eucalipto.

CALIDADE DA AUGA

Estudos científicos teñen tamén probado que as plantacións de eucaliptos producen ao redor dun 20% menos de follasca que os bosques caducifolios mixtos, pero máis repartida ao longo do ano.

A SGHN destaca que as follas de eucalipto teñen un maior contido de aceites esenciais, fenoles e taninos, e menor de nutrientes, apenas a metade no caso de nitróxeno e fósforo. Que significa isto? Pois que os seus lixiviados diminúen o contido de osíxeno das augas, aumentando a súa acidez, conductividade e contido fenólico, apunta a SGHN referenciando varios estudos.

Pero hai máis. Por exemplo, os fungos acuáticos colonizan con máis dificultade as súas follas, que ademais se descompoñen máis lentamente, sobre todo se as augas xa son pobres en nutrientes.

IMPACTO EN INVERTEBRADOS ACUÁTICOS

A SGHN explica, ademais, que a investigación científica comprobou que a alteración, en cantidade e calidade, dos aportes de materia orgánica particulada nos eucaliptais afecta a viabilidade e á ecoloxía dos macroinvertebrados acuáticos.

A literatura científica á que recorre a SGHN mostra que os monocultivos de eucaliptos afectan as comunidades de macroinvertebrados bentónicos en cauces fluviais pequenos, reducindo tanto o número de exemplares como o de taxóns presentes.

Engade, ademais, que as follas de eucaliptos son un alimento pobre para os trituradores, que son incapaces de crecer e morren cando só dispoñen de follas de eucalipto. Como exemplo poñen o tricóptero Sericostoma vittatum, exposto a altas concentracións de lixiviados de follas de eucalipto, polo que é incapaz de medrar e morre en menos de 30 días, mesmo tendo dispoñible alimento de alta calidade, e as súas larvas de S. vittatum expostas á metade da concentración son incapaces de pupar e morren en menos de 100 días.

A SGHN apoia a idea de que a conservación de franxas de vexetación de ribeira semella a mellor vía para protexer o funcionamento ecolóxico dos pequenos cursos fluviais en áreas forestais.

En total, apoíase en 14 artigos científicos publicados nos últimos anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta