Cazan ebrio e drogado ao condutor dun camión de gran tonelaxe

O home circulaba de forma errática pola estrada N-634

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

Efectivos do Exército de Terra da Brigada Lixeira Aerotransportable (Brilat) interceptaron o condutor dun vehículo articulado de gran tonelaxe que estaba a circular de forma errática pola estrada N-634. As probas que se lle practicaron confirmaron que conducía o camión baixo os efectos de alcol e drogas.

Segundo informou nun comunicado a Garda Civil, os feitos ocorreron cando un convoi da Brilat que procedía do Campo Militar de Tiro de Parga, en Lugo, observou como un vehículo de gran tonelaxe invadía o sentido contrario en varias ocasións e mantiña unha condución errática.

Por iso, compoñentes da Compañía de Defensa Contra Carro do Batallón do Cuartel Xeral da Brilat, con sede en Figueirido, procederon á detención do vehículo. A súa circulación mostraba "signos evidentes" de que o seu condutor non se atopaba en condicións óptimas para o manexo.

Efectivos do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Santiago de Compostela realizáronlle ao condutor as probas de alcol e outras drogas. O resultado foi positivo en estupefacientes, algo confirmado posteriormente polo laboratorio de referencia.

Sendo así, procedeuse á denuncia e inmobilización do camión ata a súa retirada por outro condutor habilitado. A Garda Civil destacou a importancia da colaboración entre distintos órganos da Administración e subliñou o "alto grao de concienciación coa seguridade viaria" por parte destes efectivos do Exército de Terra.

Cazan ebrio e drogado ao condutor de camión de gran tonelaxe. GARDA CIVIL
Cazan ebrio e drogado ao condutor de camión de gran tonelaxe. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta