O conselleiro de Sanidade chama a "sentar á mesa" e "esgotar o diálogo" para remodelar a Atención Primaria

Jesús Vázquez: "Imos esgotar todo o diálogo posible para que as propostas saian as mellores de todas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixo unha chamada a "sentar á mesa" aos profesionais sanitarios para remodelar a Atención Primaria en Galicia. "Imos esgotar todo o diálogo posible para que as propostas saian as mellores de todas", asegurou.

O conselleiro de Sanidade chama a 'sentar á mesa' e a 'esgotar o diálogo'. XUNTA
O conselleiro de Sanidade chama a 'sentar á mesa' e a 'esgotar o diálogo'. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así respondeu a preguntas da prensa este xoves en Santiago tras o plante do mércores dos xefes de servizo de Atención Primaria de Vigo para abordar o novo modelo, que se suma á ausencia dos colexios médicos da reunión do pasado martes en Santiago.

"Imos seguir tendo máis reunións, apelo a ese diálogo de todos os profesionais, de todas as áreas sanitarias, e, loxicamente, tamén os de Vigo", indicou Vázquez Almuiña tras participar na apertura dunhas xornadas en Compostela este xoves sobre a gripe

Sobre a negativa dos xefes de servizo de Vigo a negociar coa xerencia, o conselleiro afirmou: "Diferenzas que pode haber a nivel persoal creo que hai que salvalas, sentar, discutir e implementar". "O obxectivo temos que telo todos claro (...) e para iso temos que falar", defende.

Por iso, apela a un "debate amplo en todas as áreas sanitarias", mentres se mostra "aberto" a novas reunións "cando se revisen un pouco as posturas". "Queremos facer un modelo que some a todos os profesionais", deixa claro.

"En Vigo recollemos unha serie de propostas que nos fixeron e a idea era transmitilas nunha reunión, loxicamente, a través da xerencia, porque a nivel local o que é operativo, o que xestiona todo a área sanitaria é o equipo directivo. Non o entenderon eles así, debemos ter unha conciencia clara de que é necesario sentar nas mesas para poder implementar, para poder desenvolver ese modelo", reflexionou.

Neste sentido, remarca que se traballan en 175 accións a curto, medio e longo prazo, mentres pon en valor que o conselleiro vasco de Sanidade, Jon Darpón, destacase a "evolución en positivo no últimos dez anos" do sistema sanitario galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta