Ourense homenaxea a primeira vítima dun asasinato machista da que se ten constancia na cidade

Segundo contan os seus familiares, foi asasinada dun disparo na Praza Maior, onde se descubriu unha placa na súa memoria

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense rendeu homenaxe este xoves a Asunción González, a primeira muller vítima de violencia de xénero recoñecida na cidade. Fíxoo a través da proxección dun vídeo sobre a súa historia e o descubrimento dunha placa na Praza Maior -no cruzamento coa rúa Barreira-, lugar no que, segundo sinalaron os seus familiares, foi asasinada en 1891.

No marco do Día Internacional da Muller, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, presentou un acto de conmemoración celebrado no salón de plenos do Concello. Á parte de lembrar a Asunción González, a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, leu o manifesto institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Así mesmo, dúas mulleres xitanas procederon á lectura dun breve texto para reclamar "igualdade" para este colectivo, ademais dunha sociedade "máis xusta" e "igualitaria". Fixeron, tamén, un chamamento a pór fin a "estereotipos" e "prexuízos" para poder "xerar oportunidades". Neste sentido, destacaron que "xuntas" son "máis" e lamentaron que "unha gran maioría social" siga asociando ás mulleres xitanas "a unha imaxe ancorada en estereotipos que non deixa mostrar" a súa "gran diversidade".

Pola súa banda, o rexedor local subliñou a importancia do lema elixido pola institución con motivo do Día Internacional da Muller: 'Somos o que facemos para cambiar o que somos', frase de Eduardo Galeano que serve para "lembrar que aínda queda moito por facer neste camiño".

ASASINADA DUN DISPARO

O sobriño bisneto de Asunción González, Gonzalo García López, que tamén participou neste acto, asegurou que é unha "auténtica vergoña" e que "parece mentira" que, "despois de tantos anos, aínda haxa mulleres que son matadas ou violadas por homes". "Estamos neste mundo grazas ás mulleres. Dannos a vida e quitámoslla, hai que tratar de cambialo", engadiu.

A continuación, reproduciuse o vídeo 'San Francisco. O destino da alma', dirixido por Marcos Pardo, sobre a figura de Asunción González, no que o propio Gonzalo García explica o asasinato da primeira muller documentada como vítima de violencia de xénero na cidade de Ourense, cuxos restos descansan no cemiterio de San Francisco.

Segundo o testemuño do familiar, coñecido por este polo que lle comentou a súa avoa -sobriña da vítima-, Asunción González, unha costureira de 20 anos, foi ver a procesión o día de Venres Santo na Praza Maior, acompañada do seu noivo. Un terceiro, que se sentía atraído pola muller, "celoso", disparou ao home que a acompañaba, pero ela púxose diante e recibiu a bala.

UN RECOÑECEMENTO ÁS ALCALDESAS

A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, leu o manifesto institucional da Federación de Municipios e Provincias (FEMP), no que se destaca o traballo realizado en 1983 por unha delegación da FEMP formada por 15 alcaldesas e concelleiras que, ao seu regreso do I Encontro Europeo de Electas Locais e Rexionais de Europa, celebrado en Pisa, elevaba á Comisión Executiva da FEMP unha proposta para a creación dun grupo de traballo sobre a muller.

"A partir dese momento, a FEMP puxo sobre a mesa a necesidade de asegurar a progresiva incorporación da muller á sociedade activa, a importancia de revelar o papel que tiñan as mulleres e a urxencia de abordar a recuperación do seu protagonismo a través das políticas locais. Empezouse a falar de igualdade en postos de toma de decisións, de paridade nas asembleas electas e da importancia de contar con mulleres referente", subliña o documento.

Á súa vez, recoñece a "valentía" das "103 Alcaldesas do 79", as primeiras 103 alcaldesas, "mulleres pioneiras" que decidiron "dar un paso á fronte, liderar o cambio nos seus pobos e cidades, abrir o camiño do cambio e contribuír a crear referentes para todas as mulleres que hoxe asumen postos de decisión" en tantos municipios -un total de 1.565 rexedoras en España-.

Así mesmo, o manifesto destaca a necesidade de "dotar ás entidades locais dos medios necesarios para levar a cabo as competencias devoltas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero" co fin de "garantir o impulso de actuacións que contribúan á convivencia, o progreso e o desenvolvemento social e económico sustentable".

O documento da FEMP tamén subliña a importancia de "intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego e o emprendimento", a "educación para a igualdade de oportunidades", a "incorporación das mulleres na sociedade da información" e o "apoio ás mulleres que viven no ámbito rural".

Concello de Ourense, na Praza Maior, lugar onde se di que foi asasinada Asunción González
Concello de Ourense, na Praza Maior, lugar onde se di que foi asasinada Asunción González | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta