A revolución na sanidade pública galega ameaza con levar por diante ao conselleiro

Nerviosismo na Xunta ante a imposibilidade de atallar unha crise que pode ter custes electorais. O control dos grandes medios non impide xa que gran parte da sociedade galega sexa consciente da situación e que os profesionais se organicen nas súas protestas. Vixiantes de seguridade do sector privado denuncian un "preocupante" aumento das agresións nos hospitais galegos no último ano, polo que piden á Consellería de Sanidade a constitución dunha mesa de traballo para abordar esta problemática.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A crise na sanidade pública é unha realidade, unha lenta revolución que ameza con levar por diante, novamente, a un conselleiro de Sanidade. Sería xa o terceiro que tería que deixar o seu cargo se non amaina un temporal que, lonxe de calmase, aumenta en forza e en intensidade día tras día.

Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias
Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias | Fonte: xunta.gal

A decisión dos xefes da área sanitaria de Vigo de consumar a súa dimisión deixa nun lugar moi débil á Consellería de Sanidade e, principalmente, ao xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Ruibal, en quen depositou todas as súas esperanzas o conselleiro Jesús Vázquez Almuiña. O problema xa non é tanto a súa dimisión, senón que a folga, os paros e as mobilizacións calen tamén entre outros xefes de área doutros grandes hospitais galegos.

Polo momento, o gran reto da Xunta é tentar minimizar a folga convocada pola Coordinadora Galega de Atención Primaria entre o 9 e o 11 de abril e na que xa anunciaron que participarán todos os colectivos sanitarios da área de Vigo, incluído, os xefes dimisionarios, un total de 22 dos 25. Tanto eles, como médicos, enfermeiros, auxiliares e outros colectivos critican a sobrecarga asistencial que existen nos centros hospitalarios.

É tal a situación que ás protestas de médicas, enfermeiros, pediatras e fisioterapeutas, sumouse tamén o colectivo de vixilantes dos hospitais que este mesmo mércores denunciaron a situación de "precariedade laboral" que padece este colectivo profesional e o aumento de agresións debido o deterioro na calidade asistencial do Sergas.

INESTABILIDADE LABORAL

O colectivo de médicos eventuais da área sanitaria de Vigo (englobado en Precarias pola Atención Primaria) denunciou a inestabilidade que implica o novo contrato de continuidade, publicado en xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta foi unha iniciativa da Consellería de Sanidade pensada para dar resposta ás demandas dos profesionais en relación á sobrecarga asistencial.

Demanda dun mell0r servizo de fisioterapia nunha manifestación en defensa da sanidade pública
Demanda dun mell0r servizo de fisioterapia nunha manifestación en defensa da sanidade pública | Fonte: Sindicato de Fisioterapeutas.

Esta proposta ofrécese na actualidade aos empregados eventuais, aínda que os traballadores tamén poden optar por continuar co modelo anterior, consistente en substitucións puntuais en distintos puntos da área sanitaria. Tamén os médicos de Atención Primaria da Coruña deciden este xoves o seu apoio á folga nunha convocatoria que afectaría a todo o persoal de Atención Primaria, entre eles enfermeiras, matronas ou fisioterapeutas.

Entre as iniciativas que baralla tamén a Coordinadora Galega de Atención Primaria, está a recollida de firmas para solicitar a dimisión dos xefes de servizo doutras áreas, non coller novos residentes, avaliar as condicións actuais das unidades docentes ou levar a cabo outros actos de protesta.

O PLAN DA XUNTA

Todo o conxunto dos profesionais sanitarios denuncia a saturación laboral e a precarizacion das súas xornadas de traballo. Unha situación que afecta a todas as áreas da sanidade pública, pero que ten especial incidencia na Atención Primaria e en Urxencias. Por iso, a Consellería de Sanidade tentou contrarrestar a situación anunciando un novo plan de Atención Primaria que, polo momento, non convence a ningúen. Tamén levou as ofertas de traballo a Portugal, para contratar novos profesionais alí, o que ten causado malestar no país veciño.

A situación sanitaria xa chegou ao Parlamento galego, onde tivo que comparecer o propio conselleiro para dar conta do seu plan e das medidas previstas para saír desta crise sanitaria, sen que as súas explicacións convenceran tampouco aos grupos da oposición. De feito, este mesmo mércores, En Marea, PSdeG e BNG volveron a pedir no pleno do Parlamento de Galicia un plan de mellora da atención primaria que inclúa a contratación de máis persoal e máis recursos para esta área mentres que o Partido Popular defendeu as medidas iniciadas pola Consellería de Sanidade para tentar mellorar o actual modelo.

A Xunta conta co apoio dos grandes medios, fortemente subvencionados, que evitan destacar a gran tensión social que existe na sanidade pública. Con todo, este control dos medios xa non ten tanta incidencia como hai dez anos e agora, as redes sociais e os grupos de Whatssap están mobilizando aos profesionais e facendo que sexan centos de milleiros as persoas que coñezan os problemas que existen na sanidade pública galega.

ÁMBULANCIAS

Aos problemas da sanidade pública tamén se lle xunta a folga de ambulancias.  Unha protesta na que, polo momento, e tras varias xuntanzas non hai acordo entre as empresas e os traballadores o que está provocando a radicalización do conflicto, mentres que a Xunta vese incapaz de atopar unha solución de consenso.

Manifestación en vigo pola sanidade pública
Manifestación en vigo pola sanidade pública
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se a alguén lle debemos algo será aos xefes de servizo que están a poñen en risco as súas carreiras profesionais pola calidade da Sanidade Pública en Galicia !!! https://youtu.be/e85k0DfROJk Gostaríame saber onde estaban tódalas as organizacións políticas antes de que estes homes e mulleres decidiran poñer o seu cargo ao pé dos cabalos do SERGAS ? ¿Acaso colaborando coa transferencia de cartos púbicos ás Clinicas Privadas Concertadas? Amén...