Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 12:19
O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña uniuse este xoves aos actos convocados en toda España con motivo do Día Nacional contra as Agresións no Ámbito Sanitario e destacou que sete facultativos foron agredidos na provincia coruñesa en 2018.
Desas sete agresións a facultativos, cinco foron na contorna urbana e dúas no rural, e som unha menos das que tiveron lugar o ano anterior, segundo datos da entidade colexial que engade que no que vai de 2019 se denunciou unha agresión. Todas elas producíronse no servizo público de saúde.
No ámbito estatal, o ano pasado rexistráronse 490 casos de violencia contra médicos —o que supón un descenso do 4,9% con respecto a 2017—, e no 59% dos casos, a vítima foi unha muller. Do total destes feitos, o 51% levaron ameazas; o 35%, insultos; e o 14%, lesións.
O doutor Luciano Vidán, presidente do Colexio da Coruña, considera "intolerable calquera tipo de agresión cara a un profesional sanitario". A violencia, engadiu, "ademais de ser inxustificable en si mesma, supón unha quebra na relación médico-paciente, que debe basearse na confianza".
E subliñou que "é incomprensible que quen acode pedindo axuda a un profesional sanitario o ataque e agreda, e que os médicos teñan medo a pasar consulta".
Moitas das agresións, segundo Luciano Vidán, "están relacionadas con situacións como a masificación de consultas e das urxencias, a falta de equidade na atención sanitaria, o aumento das listas de espera e problemas de recursos humanos".
Ademais, reclamou que "non permanezan impunes comportamentos e actitudes non tolerables nunha relación médico-paciente de calidade". Neste sentido, afirmou, "a actitude do Colexio é de tolerancia cero".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.