Por Galicia Confidencial | Sada | 15/03/2019 | Actualizada ás 10:53
"Os populares de Sada utilizan debuxos meus sen pedirme permiso para facer propaganda política. Alucino coa caradura dalgúns!. Si se aproveitan deste xeito dun debuxante, que farán logo a hora de xestionar cartos públicos...". Esta era a denuncia que facía o viñetista Luís Davila en Twitter, tras coñecer que algunhas das célebres personaxes creadas por el estaban sendo reutilizadas polo Partido Popular en Sada para atacar o Goberno local, en mans de Sadamaioría.
Con algún programa de edición de imaxes por ordenador, no PP apropiáronse desas personaxes sen pedir permiso ao autor, e colocáronnas en carteis propagandísticos onde se critican as políticas do Goberno de Sada. Ese uso partidista do seu traballo, e sen pedir permiso, amolou ao artista.
Davila optou por facer unha denuncia pública desde a súa conta en Twitter, mais desbotou iniciar calqueroutra acción: "Non vou denunciar, pero o certo é que o cabreo é importante. Quero pensar que o fixeron dende a inconsciencia e ignorando o funcionamento das cousas. Xa non é a primeira nin a segunda vez que me pasa. O que si pido é que rectifiquen retirando as viñetas manipuladas".
Dito e feito, Ante o balbordo xerado, no PP de Sada recuaron, retiraron as montaxes creadas e pediron desculpas a Davila. Foi mediante unha comunicación persoal, pero tamén pública, cun comunicado asinado polo portavoz e candidato popular Ernesto Anido, no que asegura que "non era coñecedor da situación", que recoñece como "desagradable e inxusta".
Anido bota a culpa a "un membro do noso equipo", di, ao que se delegou o "uso propagandístico" desas imaxes, "coa confianza de que se estaría facendo dun xeito correcto, e coa súa preceptiva autorización", argúe.
Tras confensar que non se pedira permiso para o uso desas imaxes, Anido, que se confesa "fan" de Davila, prosegue: "Comprométome a non volver a usar o seu traballo. Non me queda máis que disculparme con vostede con sinceridade e humildade. Respecto o seu traballo, e non é xusto o que fixemos".
Dito isto, Anido tamén quixo contesta a crítica de Davila ao PP sobre a xestión de cartos públicos. Así, espetoulle: "Tamén saiba que nos catro anos que estiven como alcalde en Sada, xestionamos os cartos do Concello dun xeito transparente, legal e limpo".
E remata a misiva cun convite a Davila a xantar co candidato popular en Sada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.