O BNG agarda xuntar a máis dun milleiro de persoas o vindeiro domingo no inicio da campaña electoral

Os nacionalistas mobilizarán a toda a súa militancia para tentar encher o Auditorio de Galicia coa presenza de todos os candidatos ás cidades, de Ana Miranda e de Ana Pontón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) arrincará a campaña electoral para o próximo 28 de abril co obxectivo de conseguir "voz propia" o vindeiro domingo, 31 de marzo, cun gran acto, baixo a lema 'Agora Galiza', e no que aspira a congregar a unhas 1.200 persoas entre militantes e simpatizantes, responsables políticos e, ademais, a todos os candidatos ás xerais, municipais e europeas.

A formación nacionalista, liderada por Ana Pontón, mobilizará, así, a toda a súa base organizativa como punto de partida para os actos e mitins que se celebrarán por todas as cidades e comarcas do país, co obxectivo de "pór fin á discriminación de Galicia, empezando por ter voz propia no Congreso e por amplificar a representación no Parlamento Europeo".

"Un acto que simboliza a un BNG coas portas abertas a todas as persoas que levan Galicia na cabeza e no corazón, que ofrece un proxecto unido e serio, en clara remontada que incorpora militancia, tanto de nova afiliación, como de persoas que volven ver no Bloque a mellor alternativa para darlle un futuro ao país", sinalou o coordinador de campaña, Rubén Cela.

Os nacionalistas destacan que será "un gran acto para mostrar a un BNG como espazo político aberto que suma ao servizo dos galegos, para levar adiante os cambios que permitan unha Galicia con capacidade de decisión, con benestar social e na que vivir e traballar".

O BNG pon como exemplo das incorporacións á base militante nos últimos tempos ao escritor Suso de Toro, o debuxante Kiko da Silva, o actor Miguel Pernas e á cantante Faia Díaz. Ademais, din que un 50% dos candidatos da formación nacionalista ás municipais serán independentes e presentará máis listas que en 2015.

ACTO E INTERVENCIÓNS

O encontro, que terá lugar no Auditorio de Galicia, estará conducido polo dramaturgo Quico Cadaval e pola actriz Isabel Risco, á vez que contará coa actuación musical de Jasper. No ámbito das intervencións políticas, tomarán a palabra as persoas que encabezan as candidaturas ao Congreso: Néstor Rego (A Coruña), Maite Ferreiro (Lugo), Iago Tabarés (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra).

Tamén o fará Ana Miranda, candidata ás eleccións europeas do 28 de maio; así como tamén o farán as aspirantes a alcaldesas de Allariz e Moaña, Cristina Cid e Leticia Santos, respectivamente, como "exemplo da transformación a favor das persoas da que é capaz do BNG cando goberna nas vilas e cidades".

Logo, serán os candidatos ás alcaldías do sete cidades os que tomarán a palabra: Francisco Jorquera (A Coruña), Rubén Arroxo (Lugo), Luís Seara (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Goretti Sanmartín (Santiago), Xavier Pérez Igrexas (Vigo) e Iván Rivas (Ferrol).

A intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pechará este encontro que dará, deste xeito, o 'pistoletazo' de saída a un intenso proceso electoral. O Bloque encárao convencido de que "contará co apoio de todos os galegos e galegas que queren que Galicia recupere voz propia no Congreso, que queren reforzar o peso do país na unión Europea e que queren colocar nos concellos un proceso transformador e de éxito capaz de mellorar a vida das persoas".

Ana Pontón, no Día da Patria de 2018
Ana Pontón, no Día da Patria de 2018 | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Desfeita

Eu deséxolle representación a En Marea e o BNG, pero temo que non é moi realista. Se acadan cadansúa deputada, será máis polo fracaso doutros que pola súa propia capacidade de convicción. O que non vou facer é chamar á abstención como tanto esquerdista anarcoaristocrático e embigocéntrico que anda por aquí. Iso sería deixar Galiza sen máis representación que a dos partidos estatais, ou sexa, ningunha.

2 Xavolve

O BNG acadará representación, simplesmente falando con amigos e coñecidos a impresión que saco é que están contentos coa seriedade e claridade do traballo destes últimos anos, foron os únicos que fuxiron de leas e carguiños e os únicos que traballaron en Compostela e Bruxelas sóve por Galiza. Non sei cantos escanos pero mínimo un ou dous fixo. E eu que me alegro!

1 M. Vila

De ilusión tamén se vive! Mágoa que a túa alegría ten data de consumo e de caducidade final: 31 de marzo! Tratar de vender mercadoría vencida xa non é tan decente, intoxicar aos teus propios amigos amosa que es raposo, dos que vai deixando anzós para captar inocentes... O intento é moi burdo, non picamos!

1 Mistralla

A única opción galega para todas as vindeiras eleccións. A travesía do deserto foi dura pero cando menos o BNG xa non ten o lastre que supuñan os submarinos que querían destruilo e hoxe son só un fato de partidiños enleados entre si por ver quen é máis vendido a Madrid. Forza BNG!!!

1 Carmen Lastra

O BNG non ten ningunha opción. Zero posibilidades. En Marea tampouco. E Podemos menos, o chiringuito de Yolanda, Pam e Toné é repulsivo e rise das galegas. Logo o mellor é ir a praia ou botarse ao monte para sentirse libres. Os negocios das cúpulas da falsa esquerda non merecen o noso voto. Se non son capaces de unirse en momentos decisivos, que non conten co noso apoio!

2 Roxalia

A travesía do deserto blocalla non rematou por moito que o pregoen os vosos amos de La Vox de Galicia. Seguides caendo en picado e non tedes posibilidades ningunhas de acadar escano. A vosa travesía do deserto rematará cando fagades autocrítica e mudedes o rumbo.