Convocadas eleccións dentro da patronal galega para o 19 de setembro nun comité ao que non acode Pontevedra

O presidente dos empresarios pontevedreses, Jorge Cebreiros, xustifica esta ausencia "tamén por respecto aos membros da xunta directiva" que urxiron unha xunta directiva para tratar todos os temas da institución.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

A confederación de empresarios de Galicia (CEG) convocou eleccións para o próximo 19 de setembro nun comité executivo ao que non acudiu a provincia de Pontevedra. A decisión, segundo informan fontes da patronal galega, foi tomada por unanimidade polas organizacións provinciais da Coruña, Lugo e Ourense e non existe vía para que a confederación pontevedresa recorra.

Aínda que inicialmente a CEG barallaba a data de xuño para os comicios, xa que a confederación ourensá ten convocadas eleccións para o día 6 dese mes, finalmente optouse por dar "máis marxe" ao novo equipo que se constitúa nesa provincia. Pola súa banda, a CEP (a confederación de empresarios de Pontevedra) non acudiu á reunión do comité executivo da CEG, ao non considerar "serio" que se convocase un comité executivo só para fixar a data das eleccións.

O seu presidente, Jorge Cebreiros, xustifica esta ausencia "tamén por respecto aos membros da xunta directiva" que urxiron, segundo sinala, unha xunta directiva para tratar todos os temas que concernen á institución, cuxo último conflito foi o fracaso para reformar os seus estatutos. "Entendemos que se produciu unha clara desconsideración ao non responder por parte da xunta de vicepresidentes, que asume as competencias, á devandita petición nin incluír na orde do día deste comité executivo a mesma", expón.

O portavoz da xunta de vicepresidentes, por razóns de idade, é o presidente da confederación coruñesa, Antonio Fontenla. Esta xunta actúa como unha xestora desde xaneiro de 2018, data a partir da cal a CEG está sen presidente. Nun clima de división, fai xa máis dun ano dimitiu Antón Arias, saída que se sumou ás marchas previas de Antonio Dieter Moure e José Manuel Fernández Alvariño.

Antonio Fontenla, presidente da patronal coruñesa
Antonio Fontenla, presidente da patronal coruñesa | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta