A Xunta defende a "legalidade" dos informes ambientais da mina de Touro ao pedir En Marea o seu "carpetazo"

A conselleira de Infraestruturas advirte que os accidentes por xabarís supoñen "o dobre" en vías estatais que nas autonómicas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea Antón Sánchez acusou á Xunta de ser "cómplice" da contaminación da mina de Touro-O Pino (A Coruña) ao non emitir unha avaliación de impacto ambiental negativa ao proxecto mineiro que se pretende implantar na zona, á vez que lle pediu que dea "carpetazo" ao proxecto que promove na zona Cobre San Rafael. 

Manifestación en Santiago de Compostela contra a minaría
Manifestación en Santiago de Compostela contra a minaría | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON.

Ante estas acusacións esgrimidas no pleno do Parlamento de Galicia, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, replicou que as leis "están para cumprirse" e que os técnicos encargados fan informes "con legalidade".

Así respondeu despois de que o deputado de En Marea acusase ao PP de "levar tolerando 30 anos a contaminación na contorna", apuntando ademais que, como consecuencia das choivas de xaneiro, se produciu un desbordamento de materiais da balsa de Bama que chegaron a un afluente do río Ulla. "É unha ameaza para a vida das persoas, para a saúde e para o medio ambiente. Vostedes foron cómplices absolutos da actividade delituosa desta empresa", apuntou Sánchez.

Deste xeito, Ethel Vázquez quixo deixar claro as "diferenzas" entre a antiga mina de Touro e o que será a actividade futura de Cobre San Rafael na zona. Respecto desta última, a conselleira asegurou que "velarán polo cumprimento da lei, pola calidade das augas e por minimizar as afeccións á contorna". Tamén aproveitou para arremeter contra o goberno local de Santiago, ao que "lle importa ben pouco" a calidade das augas do río Sar, xa que o proxecto da depuradora está atrasado "sine die".

ACCIDENTES VIARIOS POR XABARÍS

Por outra banda, a conselleira de Infraestruturas tamén respondeu a unha pregunta do socialista José Manuel Pérez Seco, quen alertou de que a incidencia dos xabarís nas estradas galegas son "unha das principais causas de sinistralidade", "especialmente de noite" porque a actividade destes animais "é principalmente nocturna". "En 2018 producíronse en Galicia máis de 4.800 accidentes de fauna salvaxe, máis da metade por xabarís", apuntou, para despois evidenciar o "fracaso" das políticas da Xunta neste contexto.

Ethel Vázquez defendeuse dicindo que a seguridade viaria "non é tema exclusivo de Galicia" nin da súa rede de estradas, senón que tamén o xabaril incide na rede estatal, onde -insistiu- os accidentes provocados por esta especie son "o dobre" que en vías autonómicas. Ademais, criticou que a Delegación do Goberno continúe "sen responder" a última proposta de protocolo de seguridade que lle trasladou a súa Consellería. "Cero implicación", afeou Vázquez.

QUECEMENTO GLOBAL

Tamén durante o pleno no Pazo do Hórreo, a conselleira de Medio Ambiente, Ángles Vázquez, reafirmou a "preocupación" da Administración autonómica polo cambio climático. Tendeu "a man" aos miles de estudantes que cada venres se manifestan acudindo á folga contra esta problemática global, aínda que apostou por "que vaian a clase e despois se manifesten". "A Administración non vai soa, vai con eles", engadiu.

En concreto, respondeu a unha pregunta formulada polo deputado de En Marea Marcos Cal, quen apuntou que "desde a Revolución Industrial a temperatura da terra creceu un grao e medio" e asegurou que Galicia produce "tres puntos máis" de gases por habitante que a media doutras rexións.

Ademais, acusou á Xunta de "non querer facer" unha transición enerxética" porque no canto de "reconverter" o emprego das industrias térmicas, "ao final ocorre que os traballadores queden sen traballo". "Vostedes son os do imposto ao sol, do boicot ás renovables", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta