Noriega acusa a Sánchez Bugallo de "comprar permanentemente o discurso do PP" contra Santiago

Subliña que o candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago "está máis cómodo no espazo da liga de veteranos dos socialistas" e lembra que non é do sector de Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2019 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lamentou este venres que o candidato do Partido Socialista á Alcaldía do concello compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, "compre permanentemente o discurso do Partido Popular" e dubidou do "efecto contaxio" que poidan ter os resultados das eleccións xerais sobre as municipais.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Noriega sinalou que as dinámicas locais "non están vinculadas ás dinámicas doutro tipo", polo que "a xente xa non actúa exercendo o seu voto como actúan os seguidores dun equipo de fútbol".

"A xente fai un uso utilitario do seu voto. É un voto cambiante. Cambian tamén dependendo dos ámbitos, non porque o crea, senón porque o comprobei ao longo dos anos", indicou o alcalde de Santiago tras ser preguntado polos medios se temía que uns posibles bos resultados do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nas xerais farían que Bugallo puidese gañar as municipais de maio.

Ademais, destacou que Compostela Aberta "ten un potencial en Santiago" porque dentro do espazo de unidade popular "presenta unha candidatura única, potente e comprometida coa cidade". Así mesmo, asegurou que o perfil de Bugallo é "máis análogo" a outros sectores do PSOE, "que non están na ruta de Pedro Sánchez".

"Alfonso Guerra non é o mesmo que Sánchez e Felipe González tampouco. Cando ti persoalmente, máis aló da experiencia no local, tes feito a túa aposta por Méndez Romeu, Susana Díaz ou Xoaquín Leiceaga, e non por Pedro Sánchez ou Gonzalo Caballero, pois iso tamén o identifica a xente cando levas defendido outros perfís para o PSOE", apostilou.

Engadiu que "é lexítima a sensibilidade nos partidos", pero subliñou "con todo o respecto" que "Bugallo está máis cómodo nese espazo representado pola liga de veteranos do Partido Socialista". Así, lamentou "moito" que Bugallo "compre permanentemente o discurso do PP", en relación, entre outros casos, á polémica que xurdiu sobre a instalación de cámaras no centro histórico de Santiago, tras as pintadas que apareceron na Catedral este mes.

LISTAS

Sobre a lista coa que finalmente Compostela Aberta se presentará ás municipais, que xurdiron do proceso de primarias abertas celebrado o pasado fin de semana, Noriega asegurou que el "fixo unha aposta sabendo cal sería o procedemento a seguir".

Neste sentido, subliñou que "non se pode chamar á xente para que diga amén", senón que hai que "chamala para que participe", polo que defendeu a "participación democrática" que é algo "alternativo ao resto das forzas políticas". "Creo que a democracia ten os seus riscos", indicou o alcalde santiagués, quen engadiu que "todo mecanismo ao que optes ten os seus pros e os seus contras", pero destacou que "é importante vincular a 800 persoas ao proceso de listas", xa que é "un modelo valente".

Ademais, indicou que espera que grazas aos cambios que sufriu a lista "haxa un maior apoio cidadán".

Noriega lamenta que Bugallo 'compre permanentemente o discurso do PP' e dubida d
Noriega lamenta que Bugallo 'compre permanentemente o discurso do PP' e dubida d | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta