Temas: XULGADOS VIVEIRO

Petición de catro anos de cárcere para tres acusados de entregar pagarés falsos para cubrir unha débeda

Só pretendían "dar aparencia de lexitimidade" aos pagarés para que unha empresa inmobiliaria desistise de "calquera actuación xudicial, penal ou civil".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2019 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

O Ministerio Fiscal pide catro anos de cárcere para cada un do tres sospeitosos de simular en Viveiro (Lugo) unha compravenda para "enganar" a unha inmobiliaria que lle reclamaba un pago anterior pola compra dun inmoble, na que tamén presentaran como aval un piso que non posuían. A vista xudicial celebrarase na Audiencia Provincial de Lugo, na sección segunda, o vindeiro martes 2 de abril. Procede do Xulgado de Instrución nº1 de Viveiro.

A Fiscalía, por un delito de defraudación, pide catro anos de prisión e a indemnización a Centro Inmobiliario PA por 180.000 euros polos pagarés impagados e na cantidade que se acredite polos prexuízos ocasionados. As acusadas, MA.A.C. e N.C.I. foran condenadas por sentenza firme en 2006 nos Xulgados de Viveiro a pagar 195.208,75 euros á sociedade Centro Inmobiliario, que as demandou para reclamar o prezo pactado dun inmoble nesta localidade, no que as dúas mulleres proxectaban instalar unha residencia xeriátrica.

Como aval, N.C.I puxera un piso en Oviedo, do que dicía que era propietaria. Con todo, cando se despachou a execución da sentenza comprobouse que a vivenda de Oviedo non pertencía nin pertencera nunca á acusada N.C.I. Ante estes feitos, a demandante procedeu a interpor querela ante os Xulgados de Viveiro. Para frustrar calquera tipo de actuación contra o seu patrimonio e "enganar" á parte demandante, ambas as acusadas entregaron ao avogado dous pagarés, de R.E.G, por importe de 90.000 euros.

Os pagarés obedecían, supostamente, a unha operación inmobiliaria pola que o acusado R.E.G compraba unha leira en Covas-Viveiro ás dúas acusadas, que antes a compraron por documento privado a outro individuo. No entanto, as compravendas eran "totalmente ficticias", porque nin as acusadas compraran esa leira en Viveiro nin lla venderon a R.E.G., e só pretendían "dar aparencia de lexitimidade" aos pagarés, para que a empresa Centro Inmobiliario desistise de "calquera actuación xudicial, penal ou civil".

Xulgados de Viveiro
Xulgados de Viveiro | Fonte: Google maps

Temas: XULGADOS VIVEIRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta