A Policía Autonómica conclúe que o incendio de Dodro e Rianxo foi causado por unha faísca dun poste eléctrico

Esta investigación contradí á levada a cabo pola empresa responsable da torre de alta tensión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2019 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Axentes do grupo de Incendios da Policía Autonómica, en colaboración cos axentes forestais, esclareceron que o incendio que afectou as localidades coruñesas de Dodro e Rianxo, no que arderon máis de 1.000 hectáreas, foi causado por unha faísca dun poste eléctrico.

Tal como explicou a Xunta nun comunicado, o lume, que comezou o pasado luns na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro, e que afectou a case 1.092 hectáreas de arboredo e 70 de raso (1.162 hectáreas en total), orixinouse nun tramo da instalación de distribución de enerxía eléctrica de alta tensión, no lugar de Bexo, tal como xa apuntaban as primeiras hipóteses. "Alí detectouse unha avaría nun poste do que saían faíscas que caían ao chan onde se sitúa o inicio do incendio", sinalou o Executivo galego, quen engadiu que foi remitido o ateigado ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Padrón (A Coruña).

NATURGY

Con todo, a versión da Policía Autonómica contradí as investigacións levadas a cabo pola compañía eléctrica Naturgy (propietaria do devandito poste eléctrico), que asegurou a semana pasada que a súa torre eléctrica non foi "causa nin orixe" do incendio forestal que queimou máis de 1.000 hectáreas nos concellos de Dodro e Rianxo. Así o indicaron fontes da empresa, despois da investigación realizada por un perito "de recoñecido prestixio, con solvencia nestas análises, tanto a nivel nacional como internacional".

A súa investigación, apuntaron estas fontes, concluíu que o poste "non foi causa nin orixe do incendio", debido ás condicións meteorolóxicas que se daban no momento do lume, a topografía do terreo e a xeometría que deixaron as chamas "e a súa rápida evolución a favor do vento". Todo iso, segundo o perito, "descarta a orixe do lume na liña, así como nas proximidades do poste", apuntaron as fontes de Naturgy. Deste xeito, sinalaron que a torre "se viu afectada" pero non foi a que provocou o incendio.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu a semana pasada que, se o Servizo de Protección á Natureza (Seprona) confirmaba que a orixe do gran incendio de Dodro foi consecuencia dunha faísca dunha torre de alta tensión, o Goberno galego "valoraría a posibilidade" de reclamar á empresa eléctrica (Naturgy) os gastos de extinción.

MÁIS INCENDIOS

Doutra banda, a Policía Autonómica tamén tomou declaración a un home como presunto autor dun incendio forestal o pasado 22 de marzo na localidade ourensá de Ribadavia, o cal afectou a unha superficie de 0,02 hectáreas. O incendio produciuse cando o investigado realizaba unha queima de restos forestais e de lixo á beira dunha pista "sen ningún tipo de comunicación ou autorización" e aplicando directamente lume "sen tomar as medidas de seguridade pertinentes". Neste caso, as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Ribadavia.

Na Lama (Pontevedra), os axentes tomaron declaración a dous homes pola suposta autoría dun incendio forestal que tivo lugar o 21 de marzo na parroquia de San Bartolomeu da Xesta, no que arderon 1,4 hectáreas de superficie arboredo despois de que os investigadas realizasen unha queima de maleza sen permisos. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra.

Ademais, a Policía Autonómica tomou declaración a un home por un incendio ocorrido o 24 de marzo no lugar de Gontade, na parroquia de Piñeiro, na localidade pontevedresa de Cuntis, no que arderon 3,54 hectáreas tras ser orixinado por unha queima de restos forestais sen adoptar medidas de seguridade. No seu caso, as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Caldas de Reis. Na actual campaña contra incendios forestais do 2019, un total de 25 persoas foron investigadas pola Policía da Xunta de Galicia como presuntas autoras de incendios forestais.

A Policía Autonómica esclarece que o incendio de Dodro e Rianxo foi causado po
A Policía Autonómica esclarece que o incendio de Dodro e Rianxo foi causado po | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta