CCOO acusa á Xunta de tentar rebentar a folga da Sanidade tras pactar cos colexios de enfermería e AGEFEC

O sindicato coida que se trata dun "intento desesperado de desmobilizar o persoal" ante a folga convocada para a semana que vén.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/04/2019 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

A Comisión Executiva da Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o acordo asinado entre o Sergas, os colexios de enfermería e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) e denuncia que ten coma finalidade rebentar a folga de sanidade.O sindicato coida "inaceptable" que a Administración chegue a acordos fóra da mesa sectorial "sobre materias que han ser negociadas coa representación legal dos traballadores e das traballadoras".

Xuntanza entre o colectivo de enfarmaría e a Xunta
Xuntanza entre o colectivo de enfarmaría e a Xunta | Fonte: EP

A través dun comunicado, CCOO, di que este último acordo é "un simple conxunto de decisións burocráticas" sobre o funcionamento dos centros, que non aborda "ningún dos verdadeiros problemas" deste persoal. En opinión do sindicato, o pacto "só beneficia os dirixentes do Sergas" no seu "intento desesperado de desmobilizar as traballadoras e os traballadores ante a folga convocada para a semana que vén na atención primaria".

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, suliña que o documento "non di unha soa palabra" sobre o incremento de orzamento que precisa a sanidade pública, tampouco sobre o aumento de cadro de persoal ou a equiparación entre o número de efectivos médicos e de enfermaría nos centros, ou do redimensionamento do número de doentes que cada profesional debe atender na súa xornada de traballo.

"Na nosa opinión, o persoal non apoiará ese acordo, e os colexios profesionais deberán explicar o porqué do asinamento deste documento da vergoña", sentencia Cameselle, quen pide unha "gran participación" na folga dos días 9, 10 e 11 de abril.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta