Ramona Maneiro acusa aos medios de sensacionalismo coa eutanasia e de esquecerse dela cando non hai mortes

A coidadora de Ramón Sampedro é tallante: "Xa pasaron 21 anos e non nos movemos unha merda". Denuncia que ao sector político "non lle interesa que se fale" de eutanasia e destaca a "valentía" de Anxo Hernández

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2019 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O caso de Ángel Hernández, o home que axudou este mércores á súa muller María José Carrasco a morrer, diagnosticada desde hai 30 anos de esclerose múltiple, sacou de novo o tema da legalización da eutanasia á primeira plana do panorama mediático. Ante esta situación, Ramona Maneiro, a coidadora que axudara a morrer a Ramón Sampedro, decidiu volver saír ante as cámaras para trasladar o seu apoio a Ángel e para criticar que, tras 21 anos, non se avanzou absolutamente nada nesta materia.

"Xa pasaron 21 anos -da morte de Ramón Sampedro- e non nos movemos unha merda do conto", criticou Maneiro, nunha comparecencia ante os medios de comunicación no municipio coruñés de Boiro, na que trasladou o seu apoio a Ángel, e falou sobre o que significa ter que axudar a morrer a un ser querido.

Ramona Maneiro decatouse da situación de Ángel por un xornalista que a chamou para pedir a súa opinión, e foi cando se deu conta de que se trataba dun caso "parecidísimo" a cando ela estaba con Ramón Sampedro, "coa diferenza sa de que Ángel puido despedirse da súa muller, de cara ao público, e agarrando a súa man".

As horas posteriores sentiu "desbordada" ante as constantes chamadas dos medios, tras permanecer afastada da primeira plana durante un tempo porque quería "desvincularse un pouquiño do tema" e do seu pasado, que "vai ligado ao de Ramón Sampedro", caso que cumpriu 21 anos este Nadal.

Ramona Maneiro esperou que "a partir de agora" o tema da eutanasia regrese á axenda política, porque "estas cousas non debería de suceder así". "Pero xa pasaron 21 anos e non nos movemos unha merda do conto", ironizou, criticando que dela "só se acordaron" cando pasou un caso deste estilo.

Neste sentido, pediu que se avance na legalización da eutanasia, que "é o que quería Ramón", para "unha enfermidade dexenerativa que non hai opción de vivir". Ela referiuse, neste sentido, ao que significa dar o paso, con sentimentos atopados "moi complicados", e que Ángel "fixo o que fixo consciente do que ía suceder".

"Foi un valente polo que fixo", defendeu, advertindo de que "é moi fodido" axudar a "á persoa que amas e queres, estiveches 30 anos con ela, e axúdaslle a que marche, a que morra tranquila, á liberdade que ela desexaba". Así, lamentou que Ángel, "a persoa que lle axudou" a ela a morrer, estivese "detido 24 horas". "Deume moita pena verlo esposado, ao min non me pasou, a pesar de que foi el o que o dixo e entregouse", afirmou, advertindo de que "como isto non avance" situacións así acabarán pasando "moitas veces".

"MOITOS CASOS NON SAEN Á LUZ"

Maneiro sinalou que "hai moitos casos que non saen á luz", e que "fan moi ben en facelo clandestinamente, sen saír á prensa", ante a presión que significa ante a sociedade e os medios criticando á súa vez que hai "un boom" o primeiro día, no que a prensa non deixa en paz o tema" e despois "esquécese todo, non se fala máis nada". "Se pondes da vosa parte e todos os meses, semanas fálase un pouquiño do tema da eutanasia, sería xenial".

A pesar diso, trasladoulle unha mensaxe de ánimo, asegurando que "non lle vai a pasar nada". "Porque a ninguén lle interesa que se fale moito do conto", reiterou. Maneiro tamén se referiu a as "feridas" que deixa un caso deste tipo, e ironizou cos "millóns" que ela cobrara supostamente por entrevistas tras a morte de Ramón Sampedro. "Se sabedes algo dos diñeiros, mandademo. É que che dá coraxe", insistiu, visiblemente enfadada.

Por iso, decidiu cambiar de aires e saír do panorama mediático, tras quedar "desbordada", e estivo dedicada atendendo á súa familia e aos seus netos.

Ramón Sampedro
Ramón Sampedro | Fonte: TVE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta