Suspendida temporalmente a folga nos servizos de limpeza dos hospitais galegos

Os traballadores quedan á espera de se as empresas pagan nun prazo de sete días o que lles deben.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2019 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

CIG e CC.OO. suspenderon o inicio da folga indefinida prevista a partir do día 10 de abril nos hospitais das catro provincias galegas á espera de se as empresas pagan nun prazo de "sete días" o que deben aos traballadores da carreira profesional.

Protesta traballadoras da limpeza da Xunta
Protesta traballadoras da limpeza da Xunta | Fonte: CIG.

Así o explicou este martes a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, tras unha reunión á que acudiron representantes das empresas Grupo Faro, Grupo Norte e Ilunion, que se comprometeron a pagar, mentres que Clece --encargada do hospital de Lugo e do mantemento no de Santiago-- non estivo no encontro.

Por iso, na acta acordada este martes no Consello Galego de Relacións Laborais destácase, concretou Transi Fernández, que "en sete días teñen que pagar todas" as empresas concesionarias dos servizos de limpeza dos hospitais galegos. Por iso, a folga quedou suspendida ata o martes 16.

O abono pendente refírese ao plus de equiparación salarial da carreira profesional. A representante da CIG incidiu en que o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, se comprometeu a que o Servizo Galego de Saúde vai "tirar das orellas a Clece". "Non lle vai quedar máis remedio que pagar", abundou. Por todo iso, avisa de que "se cumpren coa débeda" non haberá folga.

ACORDOS

En acordos conseguidos en 2008, 2009 e ratificados en 2018 recoñécese ao persoal dos servizos de limpeza de hospitais das catro provincias a equiparación salarial co persoal do Sergas que, no seu caso, recoñeceu un plus de carreira profesional.

"Cando en 2007 se aprobou este acordo conseguimos que se trasladase, en 2008, aos traballadores e que se recollese en convenio colectivo", lembrou a CIG.

Ademais, a CIG apunta que "se trata dunha cantidade considerable que incrementa o salario a final de mes e que se cobrou a partir dese mesmo ano, excepto en 2009, porque houbo, tamén daquela, algunhas empresas que tentaron non pagar e tiveron que facelo tras conflitos e mobilizacións diversas".

O plus de equiparación salarial "ratificouse novamente en novembro de 2018, nunha xunta na que todas as empresas asistentes asinaron o pago de carreira equivalente á equiparación cun prazo ata 31 de marzo de 2019 para facelo efectivo", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta