Soamente o 30% das vítimas de accidentes laborais son mulleres

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, así o manifestou en comisión parlamentaria. Tamén destacou o "compromiso máximo" da Xunta para "manter o emprego".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, ratificou este xoves o seu "compromiso máximo" para "manter o emprego" en Galicia e asegurou que se reuniu co comité de empresa da empresa Bosch en Vigo e con representantes de Unisono en Ourense.

Así o manifestou en comisión parlamentaria en resposta a unha pregunta da parlamentaria do BNG Montse Prado sobre as actuacións e medidas previstas polo Goberno galego en relación co expediente de regulación de emprego temporal presentado pola empresa Bosch en Vigo, así como as súas intencións respecto da realización dalgún estudo para referir a situación do sector do telemárketing en Galicia.

Covadonga Toca asegurou que están a estudar "todas as propostas" trasladadas pola representación sindical. "Estamos sempre ao carón das persoas traballadoras", defendeu. Así, explicou que tras a reunión do pasado 2 de abril co comité de empresa, este xoves teñen previsto un encontro coa dirección de Bosch en Vigo. "Estamos a cumprir todos os compromisos. Somos un goberno responsable que vela polo emprego en Galicia", sentenciou a secretaria xeral de Emprego.

Ante o reproche da deputada do BNG Montse Prado de "non estar á beira dos traballadores", Covadonga Toca subliñou que a Xunta "fixo o que tiña que facer" conforme á súa "competencia". Respecto diso, concluíu que "o Goberno galego escoita ás partes" e "trata de chegar a acordos".

SINISTRALIDADE FEMININA

Por outra banda, Covadonga Toca resaltou o descenso do 0,40% dos accidentes de traballo entre as mulleres traballadoras en Galicia. En concreto, indicou que con respecto a 2017, en 2018 rexistráronse 7.967 sinistros de traballo con mulleres implicadas, dos cales "7.887 foron leves" o que implica "o 99%", subliñou.

Deste xeito respondeu a unha pregunta do grupo socialista en relación cos datos de sinistralidade laboral feminina en Galicia en 2018, así como o plan de traballo que desenvolve o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral en 2019.

Ante as críticas da socialista Patricia Otero en canto aos datos da sinistralidade feminina, a secretaria xeral de Emprego resaltou que os accidentes laborais con mulleres representan o 28,5% en Galicia cando estas supoñen o "48% das afiliacións á Seguridade Social".

"As mulleres adoptan condutas máis seguras no traballo", valorou Covadonga Toca, quen sinalou que en Galicia "se traballa na procura das mellores condicións de seguridade e saúde no traballo". Por iso, insistiu no "compromiso" da Xunta por "potenciar a calidade do emprego" dos galegos.

A Xunta expresa o seu 'compromiso' manter o emprego en Galicia. EUROPA PRESS - Archivo
A Xunta expresa o seu 'compromiso' manter o emprego en Galicia. EUROPA PRESS - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta