O CSIC Galicia ofrece a súa colaboración á Deputación de Pontevedra

O delegado institucional do CSIC en Galicia expresou a súa idea de levar a toda a sociedade o traballo que desenvolve o CSIC e destacou que consideran "moi importante" transmitir a ciencia a través de actuacións escolares ou visitas divulgativas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O CSIC Galicia ofreceu este martes a súa colaboración á Deputación de Pontevedra durante unha visita do delegado institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas na comunidade, Antonio de Ron, á presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

"Non viñemos aquí pedir nada", chanceou o novo delegado institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia ao comezo da súa entrevista coa presidenta da Deputación de Pontevedra. "Viñemos ofrecer a nosa colaboración", engadiu.

Antonio de Ron e a directora da Misión Biolóxica de Galicia, Elena Cartea, acudiron este martes ao Pazo Provincial con propostas de cooperación e a intención de "fortalecer as pontes de colaboración que xa existen coa Deputación", que é a propietaria das instalacións da Misión Biolóxica na parroquia pontevedresa de Salcedo.

O delegado institucional do CSIC en Galicia expresou a súa idea de levar a toda a sociedade o traballo que desenvolve o CSIC e destacou que consideran "moi importante" transmitir a ciencia a través de actuacións escolares ou visitas divulgativas.

Pola súa banda a presidenta da Deputación expresou a súa alegría por pór en valor "campos do coñecemento tan relevantes como a ciencia e a investigación" e compartiu cos seus invitados a vontade de "espertar o interese investigador e para iso hai que pór recursos e as administracións temos que estar aí".

Carmela Silva anunciou que o goberno provincial vai estudar a posibilidade de "realizar actividades comúns que persigan o marabilloso obxectivo de que a ciencia chegue a todos os lugares" porque con ela "promovemos a igualdade de oportunidades".

COMPETITIVOS

Por último, Carmela Silva agradeceu a oferta do CISC para empregar os seus recursos e espazos para que a Deputación poida realizar diferentes actividades.

Finalmente engadiu que "a ciencia vai ser o instrumento que permita ser competitivos, produtivos, pois a xeración de empregos de calidade e a actividade económica vai ir vinculada cada vez máis ao coñecemento e á investigación".

Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta