Antón Gómez-Reino: "As enquisas marcan claramente que Unidas Podemos será determinante para a gobernabilidade"

Defende a necesidade dun goberno progresista "no que desde Galicia estea En Común-Unidas Podemos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O candidato ao Congreso pola provincia da Coruña de En Común-Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, valorou este domingo que "as enquisas marcan claramente" que a formación será "determinante para a gobernabilidade do Estado".

ntón Gómez-Reino, de campaña en Padrón
ntón Gómez-Reino, de campaña en Padrón | Fonte: EP.

Nunha visita á feira de Padrón, na que realizou repartición electoral no inicio da "semana decisiva" da campaña electoral, apostou por "continuar mobilizando a cidadanía progresista, a cidadanía galega, que quere defender a democracia", que é "o eixo fundamental desta campaña".

Así, Gómez-Reino subliñou que "toda a xente que queira defendela ten que mobilizarse para evitar un Goberno das tres dereitas ou un do PSOE con Ciudadanos", unha última opción que tachou de "especialmente nociva para Galicia".

Fronte a estas alternativas, defendeu a necesidade dun goberno progresista "no que desde Galicia estea En Común-Unidas Podemos", xa que "iso significa que haberá un Executivo que lle diga a Audasa que a AP9 debe ser pública, gratuíta e transferida a Galicia" e que "se preocupe polas rías galegas ou por subir o salario mínimo interprofesional a 1.200 euros".

Para iso, o cabeza de lista pola Coruña sinalou que "é moi importante" que a formación consiga o "máximo número de deputados para que os galegos e galegas teñan forza, voz e representación no Goberno".

Antón Gómez-Reino tamén se referiu a a celebración dos próximos debates electorais: "Nós sempre os buscamos, mentres que hai forzas políticas que os evitan sistematicamente". Neste contexto, criticou a "posición do PSOE e de Sánchez, evitando primeiro os debates e facéndoo tamén nos medios públicos. Parécenos completamente fóra de lugar".

Nesta última semana de campaña, Gómez-Reino puntualizou que aspira a que a candidatura á presidencia do Goberno con Pablo Iglesias "poña enriba da mesa as demandas das maiorías sociais".

E deste xeito, "Galicia estará tamén nese debate", convencido de que quedará "de manifesto que as propostas de En Común-Unidas Podemos teñen profundidade e presenza no conxunto do debate no Estado".

Consciente da elevada porcentaxe de indecisos, segundo os datos das últimas enquisas, Gómez-Reino apelou á mobilización cidadá nas eleccións para "non volver atrás despois do avance democrático que se deu en 2015". "É moi importante que a xente indecisa saiba que nos xogamos quedarnos estancados como sociedade", alertou.

Nesta liña, indicou que "Galicia merece seguir avanzando", despois de ser "pioneira en 2015 cos concellos do cambio", de "volver selo en 2015 e 2016 levando o espazo político do cambio ao Congreso con moita forza" e co obxectivo de "trasladar a iniciativa lexislativa á iniciativa de Goberno".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta