O BNG especula con que a Casa Real presiona o Goberno central para que non se devolva o Pazo de Meirás

Ana Pontón asegura ter datos sobre esas presuntas presións, pero non aporta ningunha proba concreta sobre os mesmos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2019 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG, Ana Pontón, comprometeu que os nacionalistas "exhumarán" o "posfranquismo" e reclamarán "todo o patrimonio roubado" e "expoliado" ao pobo galego, nun acto na Coruña, no que asegurou que existen "presións" da Casa Real ao Executivo para que non esixa a devolución do Pazo de Meirás, aínda que sen aportar probas sobre tal afirmación.

Ana Pontón, nun acto electoral do BNG
Ana Pontón, nun acto electoral do BNG | Fonte: EP.

Ante a Casa Cornide, que pertence aos herdeiros de Franco, os representantes do BNG despregaron unha pancarta cunha foto co rei emérito Juan Carlos I e o ditador Francisco Franco, acompañada das frases 'Franquismo Nunca Máis' e 'Que nos devolvan ou roubado'.

Tras isto, Pontón denunciou que segue existindo "un franquismo sen Franco" que se percibe "na involución democrática desas forzas políticas machistas, racistas, antigalegas e carcas que propoñen volver anos atrás", cualificou.

Fronte a isto, expuxo o "compromiso claro" do Bloque, se obtén representación no Congreso, de "conseguir que se interpoña unha demanda civil para recuperar a titularidade do Pazo de Meirás", porque o "Estado ten toda a documentación nas súas mans para que esa reclamación vaia adiante".

Neste punto, asegurou que o BNG dispón de "datos" que lles "permiten denunciar con toda certeza que se o Goberno de Sánchez non puxo esa reclamación é porque hai presións directas da Casa Real para que non leve a cabo a devolución do Pazo de Meirás", a propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán que pasou a mans de Franco en 1938. Algo que, remarcou, "non" lles "sorprende", dadas "as conexións entre a Monarquía e o Franquismo, pois todo empezou co ditador nomeando como sucesor ao actual rei emérito".

Con todo, Pontón non mostrou ningún dato ou proba documental ou verificada que demostre tal afirmación e quedouse na mera especulación sobre esas presuntas presións da realeza española sobre o Goberno socialista.

Pola súa banda, o candidato pola Coruña, Néstor Rego, criticou "a covardía política" de Pedro Sánchez "diante das presións dos poderes fácticos e moi directamente de Felipe de Borbón que fixo que non iniciase ese expediente de reclamación de devolución". De novo, sen aportar probas desas presuntas presións ao Goberno.

En paralelo, Pontón comprometeu que tamén reclamarán que se devolva ao patrimonio público os bens "expoliados" e "roubados aos galegos" como "botín de guerra", isto é, a Casa Cornide da Coruña e as estatuas de Abraham e Isaac da catedral de Santiago.

Entre as propostas nacionalistas tamén figura a ilegalización da Fundación Franco e o cumprimento e maior dotación da Lei de Memoria Histórica. Así mesmo, Pontón tamén comprometeu a derrogación da Lei Mordaza e a defensa dos dereitos e liberdades, "fronte ás forzas ultra reaccionarias".

Ante "un franquismo sen Franco que segue contaminando a democracia, os dereitos e a xustiza", manifestou que o BNG "ten unha axenda clara de defensa da recuperación da memoria histórica en Galicia" que "non pode empezar e acabar na exhumación dos restos do Val dos Caídos".

"Aquí temos un franquismo sen Franco, que queremos exhumar e para iso necesitamos que nos devolvan a Casa Cornide, o Pazo de Meirás ou as estatuas de Isaac e Abraham", engadiu Pontón.

Como mostra do "posfranquismo" actual referiuse a a situación do candidato do BNG pola Coruña, Néstor Rego, un dos '19 de Meirás', o grupo ao que os herdeiros de Franco denunciou pola súa participación nunha acción reivindicativa no Pazo de Meirás (Sada).

"O noso compañeiro está pendente dun xuízo no que se xoga anos de cadea por defender algo de elemental sentido democrático que é a devolución do Pazo de Meirás, e a xustiza en lugar de sentar no banco dos acusados a quen nos roubou persegue ás demócratas que reclamamos xustiza, reparación e verdade", criticou.

ENQUISAS

Ante as enquisas que este domingo non outorgan representación ao BNG no Congreso, Pontón matizou que "a que vale é a do 28 de abril", confiada de que "igual" que derrotaron "as enquisas nas autonómicas" tamén o farán o 28A.

"As enquisas non dan nin unha nos últimos anos e ímolas rebentar, porque imos lanzados coa forza que nos está dando a xente", asegurou

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Pero é que a " Casa Real" non ten ningún xeito de " presionar" ao goberno. Mais ben ao contrario,porque é o goberno quen establece o presuposto do que vive a casa real. Algúns viven no século pasado.