Por Europa Press / Redacción | Pamplona | 21/04/2019 | Actualizada ás 17:49
O BNG sumouse este domingo ao acto político de EH Bildu celebrado en Pamplona polo Aberri Eguna (Día da Patria Vasca), coa presenza do concelleiro en Santiago e membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela, quen asegurou que España "é un Estado fracasado".
Cela remarcou que España "é un Estado fracasado, tamén como Estado democrático e social" porque "nega o noso dereito inalienable como pobos a decidir sobre o noso futuro". Un Estado, dixo, "onde non existe separación de poderes, as cloacas trufan todo o Estado e a corrupción é sistémica" e "onde o galego, o eúscaro e o catalán non son entendidos como unha riqueza, senón como unha ameaza que hai que combater".
"Un Estado con presos políticos, con exiliados, con deportados e con extorsión" que "está máis tocado que nunca e as súas últimas rabexadas non son máis que un síntoma de debilidade e non de fortaleza". Así, censurou o "infantilismo político" de colocar "a 'rojigualda' e o Borbón de fondo" na rolda de prensa de Jordi Sánchez e Oriol Junqueras desde prisión.
Ademais, destacou que "a esquerda española nin está nin se lle espera porque, tras unha retórica rupturista e plurinacional, o único que hai é unha práctica continuista e centralista" con "silencios enxordecedores e equidistancias imposibles".
Rubén Cela afirmou que "para Euskal Herria, para os paisos catalans e para Galicia, os estatutos de autonomía non son un traxe que nos vinga curto, son unha camisa de forza" e o 28 de abril "teremos unha gran oportunidade para comezar a desabrochar esa camisa de forza".
O líder de EH Bildu, Arnaldo Otegi, participou neste acto político en Pamplona, ao finalizar a manifestación que a coalición convocou na capital navarra polo Aberri Eguna). Un acto que contou tamén coa participación da candidata navarra ao Congreso Bel Pozueta, os representantes de ERC Jordi Solé e Marta Vilalta, que leu unha carta de Oriol Junqueras; así como do propio Rubén Cela, do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.