O PSdeG acusa á valedora do Pobo de estar "ao servizo da estratexia" do PPdeG

Os populares destacan que a súa decisión de seguir no cargo é "acertada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2019 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, expresou que confía en que a xunta de portavoces que se celebrará este martes sirva para fixar a data do pleno "específico" que aborde a petición de renuncia da valedora do Pobo, Milagros Otero, efectuada polos grupos da oposición.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns, o socialista tachou de "insustentable" a continuidade de Otero á fronte da institución, xa que "o instrumento" que emprega a valedora para pór o seu cargo a disposición da Cámara "non ten sustento na lei". "Ou hai cesamento ou hai dimisión", apostilou Leiceaga.

A continuación, opinou que a posición asumida por Milagros Otero tras a desestimación do recurso contra a sentenza que anula o nomeamento de María Puy Fraga para o posto de xefe de servizo de Administración e Persoal "está ao servizo da estratexia do Partido Popular".

"O Grupo Popular quere evitar que a negociación cos grupos da oposición se dea coa valedoría vacante", engadiu o portavoz socialista no Hórreo, que remarcou que se trata de "un asunto de alcance político, non persoal".

Así as cousas, Fernández Leiceaga traslada a responsabilidade da situación ao Grupo Popular que, ao seu juico, é "quen ten que tomar a decisión" de se acepta que Otero permaneza no cargo ata que a Cámara acorde o seu substituto como ela pide ou se forza a saída da valedora "e abre, como recolle a lei, o proceso de elección" dos novos responsables do Alto Comisionado do Parlamento de Galicia.

PAULA PRADO

Cuestionada sobre este asunto minutos despois da rolda de prensa do Partido Socialista, a viceportavoz popular na Cámara, Paula Prado, indicou que o seu grupo considera "acertada" a postura adoptada por Milagros Otero "porque non deixa descabezada a institución" durante o tempo que dure o proceso para atopar a súa substitución e o do vicevaledor, Pablo Cameselle (nome impulsado polo PSOE).

Por iso, Prado reclamou aos grupos da oposición que "actúen con responsabilidade" para iniciar o proceso de procura de substituto para Milagros Otero e así "pechar a situación de interinidade na institución".

A valedora do Pobo, Milagros Otero
A valedora do Pobo, Milagros Otero | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta