Margarita Dopico critica o "aberrante" fallo que exculpa a un garda civil de negarlle auxilio cando o seu fillo foi asasinado

A nai do neno de 14 meses asasinado polo seu pai lembra que a atenderon na porta e que se sentiu completamente desamparada cando pediu axuda á Garda Civil horas antes do suceso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

Margarita Dopico Cancela, a nai do neno de 14 meses que morreu asasinado polo seu pai facendo estalar unha bombona de gas dentro do coche en Padrende, cualificou como "aberrante" a sentenza do Xulgado do Penal número 2 da Coruña que absolve dun delito de denegación de auxilio por funcionario ao axente da Garda Civil que a atendeu aquel día.

Margarita Dopico
Margarita Dopico | Fonte: Uvigo.

Por aquel infanticidio, ocorrido en marzo de 2010, o seu ex marido, José Luís Deus, foi condenado a 23 anos de prisión por asasinato, e tres anos despois a muller presentou denuncia contra este garda civil que a atendeu horas antes do crime. En concreto, a sentenza responsabiliza a esta nai de non trasladar de forma clara e suficiente o "terror" que estaba a sufrir, dado que "non tiña unha seguridade mínima para dicir que o risco existía", sostén a sentenza.

Acompañada de Rosa Campos, a responsable do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, compareceu en rolda de prensa para criticar os argumentos nos que o fallo xudicial xustifica a absolución. Margarita lembrou que os axentes do Cuartel de Betanzos a atenderon "na porta" e non lle fixeron caso, asegurando que sentiu "totalmente desamparada" e que a trataron "como a unha pordiosera". "Estaban obrigados a prestarme axuda e non o fixeron".

Margarita recorrerá a sentenza emitida polo Xulgado do que é titular o maxistrado José Antonio Vázquez Taín e está disposta a chegar "ata Europa ou ata onde faga falta" para defender que o sistema fallou con ela. Neste sentido, a responsable do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, Rosa Campo alertou da "violencia institucional" que sofren moitas vítimas de violencias machistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta