Pablo Iglesias coloca o porto da Coruña como "o máis importante de Europa de peixe fresco"

O candidato de Unidas Podemos á presidencia do Goberno visitou a lonxa coruñesa. Fontes do partido manteñen que, segundo os datos do porto da Coruña, este supera o vigués en descargas de peixe, fronte aos de Puertos del Estado.

Por E.P. | A CORUÑA | 25/04/2019 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

O candidato de Unidas Podemos a presidencia do Goberno e secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, visitou á lonxa, na que asistiu tamén á poxa de peixe xunto ás cabezas de lista de En Común-Unidas Podemos polas provincias da Coruña e Pontevedra, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, respectivamente.

Pablo Iglesias visita a lonxa da Coruña
Pablo Iglesias visita a lonxa da Coruña | Fonte: Europa Press

Durante a visita, cualificou como "unha honra" e "un orgullo" visitar as instalacións do porto coruñés, ao que cualificou como "probablemente, o máis importante de Europa de descarga de peixe fresco"

Porén, os datos de Puertos del Estado colocan a Vigo como o porto líder en Europa en descarga de peixe fresco. Só o ano pasado, a lonxa viguesa foi a que máis desembarcos de pesca fresca rexistrou, con 78.169 toneladas, case o dobre que A Coruña (42.418 toneladas), que ocupa o segundo posto en España, segundo datos oficiais deste organismo.

Con todo, fontes de Podemos puxéronse en contacto con este xornal para asegurar que Pablo Iglesias fixo esta afirmación baseándose nos datos que lle deron na propia lonxa coruñesa, e aseguran que os datos de Vigo "inclúen, por exemplo, descargas de moluscos tamén". De aí, din, a afirmación do candidato de Unidas-Podemos.

O que foi considerado o gañador dos dous debates electorais televisados esta semana, subliñou tamén que Galicia é "un puntal na pesca" en España (unha obviedade), á vez que remarcou o número de postos de traballo que se crean na actividade pesqueira. Por iso, avogou por "apoiar" este sector e cualificou de "fundamental" que España "negocie mellor" as cotas pesqueiras en Bruxelas.

Pola súa banda, o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, apelou á "aposta inequívoca" do proxecto de En Común para "reforzar" un sector que considerou "estratéxico". "Hai que defender na Unión Europea cotas dignas para o noso sector", insistiu.

FERROL

O candidato de Unidas Podemos á Presidencia do Goberno, Pablo Iglesias, asegurou que se entran a formar parte dun futuro Executivo tras as eleccións xerais garantirán a "carga de traballo" para os estaleiros de Ferrol e as súas industrias auxiliares. "Cando sexamos Goberno, e penso que o seremos en breve, imos apostar pola carga de traballo na comarca", expresou o líder do partido morado en declaracións aos medios antes de participar, ás portas do estaleiro público Navantia Ferrol, nunha manifestación convocada polo comité de empresa da compañía.

Iglesias está este xoves, penúltimo día da campaña electoral, en Galicia, onde tras acudir á primeira hora da mañá á poxa da lonxa da Coruña desprazouse a Ferrol, penúltima escala da súa estadía na Comunidade galega, que pechará cun mitin en Vigo. Alí, xunto aos candidatos de En Común Unidas Podemos Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, o líder morado mantivo un encontro co comité de empresa antes de participar na concentración, á que tamén asistiu o alcalde ferrolán, Jorge Suárez (Ferrol en Común).

"É unha honra estar coa loita dos traballadores. Un país serio ten que apostar pola industria. Por desgraza, historicamente os gobernos en España apostaron polo turismo e polo ladrillo", aseverou o candidato á Presidencia do Goberno. Así as cousas, incidiu en que "para estar preparado cando chegan os momento difíciles" é necesario "apostar polo tecido industrial" como o sector naval, un ámbito no que España "é competitivo a nivel mundial".

Os traballadores do naval concentráronse ás portas de Navantia Ferrol para reclamar carga de traballo para os estaleiros da comarca mentres non se inicia a construción das fragatas F-110, previsto para 2021 despois de que a ministra de Defensa, Margarita Robles, asinase a orde de execución. Pablo Iglesias alertou de que, ata que non se inicie a construción destas fragatas, "boa parte" das industias auxiliares que dependen de Navantia "poderían pechar", polo que incidiu na "necesidade" de dotar de carga de traballo aos estaleiros da comarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 GREMMAR DOLPHINS RESCUE

Desde GREMMAR DOLPHINS RESCUE decimos lo siguiente Parole parole estan en campaña electoral, pero es de agradecer la visita, pero nosotros le invitariamos a que unas pocas horas no todo el dia se embarcara en un pesquro artesanal o fuese con las mariscadoras de a pie desde las 08:00 h SERIA MUY POSITIVO LO QUE DIJERA DESPUES? Pero lo mismo se lo decimos a todos a todos.

3 Pinto e Maragota

O máis parecido a un peixe que veu este individuo é algún especimen que hai no seu partido...

2 Milesian

Paracaidismo de pazo e marisco pola entrañable tierriña del rincón verde de las Españas. A las mariscadas!

1 Desmareado

Velaquí un bo exemplo do que é o turismo electoral