Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2019 | Actualizada ás 18:50
O comité de Ferroatlántica en Cee-Dumbría e centrais hidroeléctricas vincula a presenza de persoal de Ferrovial esta semana na factoría cun intento de "venda ilegal". Respecto diso, anuncia que interporá alegacións á publicación no Boletín Oficial do Rexistro mercantil en relación coa escisión das fábricas do grupo Ferroatlántica.
En concreto, os representantes dos traballadores tiveron coñecemento da presenza de persoal de Ferrovial na factoría e ata nas centrais hidroeléctricas este mércores. Aseguran que estiveron "a sacar toda a información posible de todas as instalacións, e unha máis inxente cantidade de fotos". Ante isto, mostran a súa "desilusión" coa empresa e entenden que é "un acto de falsidade e de traizón" ao seu centro de traballo.
"Queremos deixar meridianamente claro o que xa temos anunciando desde hai tempo, que o ERTE foi unha cortina de fume para desviar o tema principal que é o da venda ilegal e por tanto unha segregación encuberta, vender a unha empresa que para nada ten relación co sector das ferroaleacións e que só vén coa intención de especular coa enerxía eléctrica", advirte o comité.
Engade que esta é unha cuestión que non van "permitir", e envían esta mensaxe tamén ao conselleiro de Industria. "Sabemos da situación económica actual da empresa, que é desastrosa, e que vai buscar todas as fórmulas necesarias para saldar a débeda contraída, pero non imos permitir a entrada de especuladores cos encoros, só permitiremos empresas do sector e coa intención clara e inequívoca de traballar coas ferroaleacións", subliña. E é que, segundo lembran os traballadores, "as centrais hidroeléctricas foron feitas unicamente para facer viable a produción de ferroaleacións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.