A Feira do Libro de Compostela acollerá unha ducia de expositores entre este domingo e o 5 de maio

O alcalde compostelá Mairtiño Noriega trasladou o "pracer" de seguir colaborando entre moitos actores para facer posible o evento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O paseo central da Alameda de Compostela acollerá a partir deste domingo e ata o 5 de maio a 38 Feira do Libro de Santiago, que acollerá preto dunha ducia de expositores e decenas de actividades orientadas a todos os públicos, desde talleres, música ata presentacións de obras e encontros de autores e lectores.

Esta nova edición, a terceira parada do calendario de Feiras do Libro deste ano, foi presentada este venres por parte do rexedor municipal, Martiño Noriega, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e Dores Porta, da Federación de Librarías de Galicia.

Noriega trasladou o "pracer" de manter a colaboración para impulsar esta feira, que forma xa parte da tradición da cidade e que este ano conta cunha "ambiciosa aposta" por traer autores a presentar as súas obras, asinar exemplares, ademais das diversas actividades paralelas e aquelas destinadas ao público infantil.

Neste sentido, Dores Porta destacou a importancia de "manter este legado de cultura na cidade", e que a inauguración contará co pregón da autora Marilar Alexandre e a actuación do pianista Javier Constenla. Ademais de presentación de libros, encontros entre lectores e autores e concertos, celebraranse iniciativas de terapia con cabalos, manualidades, 'roteiros' pola paisaxe da Alameda, contacontos, talleres, e moitas outras actividades.

A lema deste ano, 'Máis que palabras', é unha homenaxe a Antonio Fraguas, protagonista do 17 de maio, polo seu "agarimo" cara aos contos e cara á mitoloxía da cultura galega, "unha chiscadela a que as palabras dos autores sempre van levar a ese amor pola terra".

Finalmente, Anxo Lorenzo destacou que se trata da terceira cita dun calendario de 16 feiras do libro, que arrincou en Verín e, tras o seu paso por Ferrol, chegará á capital galega.Unha edición "que non é menor", destacou, dado que "sen dúbida" Santiago é unha das "máis relevantes" tanto desde o punto de vista cuantitativo como cualitativo, cunha "repercusión importante" e situándose como "un referente" que se debe coidar "entre todos".

O programa contará coa presenza de escritores como María Solar, Antón Lopo, Diego Giráldez, Daniel Asorey ou Andrés Meixide, entre outros, e artistas como Paco Nogueiras, Oviravai ou Magín Branco. A feira estará aberta no paseo central da Alameda compostelá, en horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta