Galicia pide ao Goberno central que axilice a tramitación de prestacións por embarazo a traballadoras do mar

O Parlamento galego demanda ao Executivo estatal que "simplifique e axilice" a tramitación desas axudas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2019 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O Parlamento galego demanda ao Goberno central que "simplifique e axilice" a tramitación das prestacións por embarazo ás traballadoras do mar. Así o acordaron por unanimidade dos grupos en comisión parlamentaria por mor dunha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Executivo central en relación coas demoras que padecen as mulleres mariscadoras, percebeiras, redeiras e traballadoras da pesca artesanal no recoñecemento do dereito a unha prestación económica do sistema de Seguridade Social por risco durante o embarazo.

Percebeiras en Baiona
Percebeiras en Baiona | Fonte: BBC.

A parlamentaria do PP que defendeu a iniciativa, Soraya Salorio, aceptou a emenda do Bloque para matizar o texto, mentres que rexeitou a do PSOE e a de En Marea, esta "por ser un curta e pega da do BNG, un pouco máis leada".

Ademais, tras a transacción co BNG, aprobouse na comisión instar o Goberno galego a realizar un estudo, que demandaron os grupos da oposición, sobre a situación laboral das mulleres traballadoras do mar para, en base a este informe, poder realizar a petición de novas modificacións que procedan para mellorar a súa situación.

Así, Montse Prado do BNG defendeu que se faga un estudo "sobre a situación real das traballadoras do mar", mentres que a deputada socialista Patricia Otero Rodríguez celebrou que "o PP vexa as dificultades do mar" e pediu á Xunta "que sexa coherente".

A popular Soraya Salorio manifestou que a "prestación por risco durante o embarazo é unha das problemáticas recorrentes en calquera tipo de foro ou encontro con colectivos de mulleres traballadoras do mar".

"MOMENTO CRUCIAL"

"Este risco dáse porque esta actividade tradicional está a vivir un momento no que se están incorporando mulleres en idade fértil, dándose esa desexada substitución xeracional que incorpora esta problemática que antes non existía", afirmou a popular.

Para o PP resulta "necesario" que se garanta a efectividade dun dereito a unha muller no que "está clara a vinculación de risco polas condicións do seu traballo" en "un momento tan crucial" da súa vida "como é o embarazo", sostivo a deputada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta