Feijóo empurra a Pablo Casado a iniciar desde Galicia unha catarse ideolóxica no PP

O presidente do Partido Popular aceptou o convite do presidente da Xunta para participar nunha romaría no Pino na que se apelou a situar o partido no centro, tralo pacto con Vox en Andalucía e o achegamento aos postulados da ultradereita.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2019 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

O PP inicia unha catarse ideolóxica que comeza en Galicia, da man de Alberto Núñez Feijóo. O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, aceptou o convite do presidente da Xunta e acudiu á unha romaría organizada no Pino para escenificar o regreso dos 'populares' ao "centrismo", tras asumir os postulados da ultradereita na campaña das eleccións xerais e pactar con Vox en Andalucía.

III Romaría do PP provincial da Coruña no Pino (A Coruña)
III Romaría do PP provincial da Coruña no Pino (A Coruña) | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Casado apelou ao "peche de filas" para lograr a "remontada" nas eleccións municipais, autonómicas e europeas do 26 de maio dun partido "aberto, reformista e centrista", "destino común" dos españois e "dique de contención" ao PSOE.

Fíxoo ante as preto de 5.000 persoas que acudiron á romaría popular organizada na localidade do Pino, con comida e música de orquestra.

Tras ser recibido cunha aperta por Feijóo, ao que enxalzou como "referente" do PP, Pablo Casado instou a "unir o voto" no PP, co obxectivo de que os concellos e as autonomías se convertan en "dique de contención" contra un PSOE con "axenda divisoria" que se aliará con "independentistas ou cos comunistas de Podemos" .

Casado comezou enxalzando o líder galego como un "referente" do PP, dun partido que admitiu que tivo "un resultado moi malo" o pasado domingo pero que "non só está vivo, está máis forte que nunca", e ao que encomiou pola súa capacidade, demostrada no Comité Executivo do martes, de "pechar filas" e sacar "raza e coraxe cando veñen mal dadas".

Nunha intervención na que, a diferenza de Feijóo, non mencionou nin a Vox nin a Ciudadanos, Casado insistiu en que o PP pode ser desde as autonomías e os concellos "o mellor contrapeso" ao PSOE.

Na súa intervención asegurou que "miles de españois seguro que se arrepentiron" de non votar o PP o pasado domingo, pero tamén admitiu que os 'populares' captaron " a mensaxe".

"Somos conscientes dos erros e queremos transmitir que temos a mellor solución aos problemas da nosa xente, somos os que sacamos as castañas do lume cando pintan bastos", remarcou.

"Temos que volver ás orixes, dicir que ás veces cometemos erros, que ás veces hai que navegar con temporal onde é difícil traballar pola resaca e a ondada común a moitos países da contorna, tocáronnos tempos recios, complexos", remarcou, ante os que o PP traballará "coa determinación, ambición e coraxe de sempre", convencido de que é a "mellor garantía de futuro", dixo.

Casado situou o PP como garantía da "mellor educación,sanidade ou infraestruturas" e como "o mellor proxecto para todos os españois", que "sempre sumou con programas centrados no que suma", porque "aquí non sobra ninguén".

FEIJÓO

Moi contundente no seu chamamento á "remontada" foi, previamente, Alberto Núñez Feijóo, quen esta semana apuntaba aos erros de "estratexia" no resultado do 28 de abril e reclamaba "ensanchar" o partido.

Feijóo, que pediu "perdón polos erros", proclamou que no PP de Galicia "se acabou o dó, a decepción, a derrota, os malos momentos" e apoiou a Pablo Casado. "Querido Pablo, o PP de Galicia está á orde para reconstruír as maiorías, para unir o voto e para remontar", facendo un chamamento a atraer os votantes "moderados de Vox", os "moderados do PSOE" e os de Ciudadanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Remulo

Faltaba el centrista Baltar para completar el aquelarre.

1 Trocomotxo

Hai que centrarse na paparota (chourizos, moi abundantes cando se trata do pp, lacón e viño en abundancia que como o padre Aznar recomendou) que gobernar xa gobernan os do Ibex.