O conselleiro de Medio Rural, un novo estilo de político na Xunta que non se agocha e debate cos cidadáns nas redes

O xeito de facer política de José González Vázquez é ben diferente ao do resto do Executivo galego e da maioría dos gobernantes: exponse nas redes sociais, busca a proximidade cos cidadáns, tenta contestar preguntas e críticas, e métese en debates.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/05/2019 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

É unha das caras novas do reformado Goberno de Alberto Núñez Feijóo o pasado mes de setembro e, tamén, a máis próxima aos cidadáns, cando menos aos que habitan nas redes sociais. O seu estilo é diferente ao da maioría dos que ocupan os asentos de goberno: José González Vázquez exponse nas redes sociais, é proactivo, interactúa e entra, sen medo, a debatir con calquera; algo case inaudito nas altas esferas políticas.

O conselleiro José González
O conselleiro José González | Fonte: Xunta.

Non é habitual ver un alto representante dun goberno tan próximo ás conversas dos cidadáns, tan disposto a falar con eles asumindo o risco das críticas á cara, tan disposto a escoitar a quen sexa, sen importar se ten un cargo relevante ou se é un cidadán anónimo.

Un bo exemplo é a conversa na que se meteu o conselleiro esta semana en Twitter. Foi nun fío iniciado este mércores, 8 de maio, por Aprafoga (Asociación profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galiza) no que comentaban: "Os/as #AxentesAmbientais da @Xunta som@s as/os encargad@s d velar polo cumprimento da normativa en materia d aproveitamentos en #Galicia, comprobamos q tódalas cortas teñan o pertinente permiso e q se adecuen a lexislación vixente.Galicia produce case a 1/2 da madeira d #España". 

A partir de aí, varios cidadáns fixeron varios comentarios. Primeiro, Miguel Gonzalez (@mgcastromil), quen aportaba: "Temos que xerar tamén o valor aquí en Galicia, ¿somos potencia tamén xerando valor forestal?". Ao que contestaba Alexandre R.P. (@7forestalex): "A resposta é moi sinxela. NON". 

A conversa continuaba. Miguel González engadía: "Claro. Pois eu penso q a estratexia da @Xunta debería de ir enfocada a promover económicamente o sector da madeira, no que somos productores líderes, en lugar de inventarse novos sectores como o dos drons metendo moitos millóns de euros. Sería máis retable o primeiro". E  Alexandre R.P. contestaba: "Xa, pero a @Xunta non vai a ter en conta o que pensemos nin ti nin eu, por moi lóxico, coherente e razoable que sexa".

Foi aí, de súpeto, cando se meteu o conselleiro na conversa para dicirlles: "Claro que temos en conta todo, sobre todo se é lóxico, coherente e razoable. Non é excluínte investir en máis dun proxecto. Grazas polos comentarios. Un saúdo".

Alexandre R.P. aproveitou para tentar continuar esa conversa: "Pois ben. Existe algunha iniciativa para que o ciclo do papel se peche na nosa Comunidade? Porque de momento so producimos a materia prima e a 1ª transformación da mesma, o que máis contamina, e as 2ªs tranformacións que teñen + valor engadido e non contaminan fanse fóra do País". 

E o conselleiro non fuxiu, todo o contrario, convidounos a continuar coas súas demandas na propia Consellería e abriu novas canles de comunicación persoais: "Ese é un obxectivo que todos compartimos. Alexandre, estou encantado de escoitar e debatir sobre estes temas. É máis, invítote a que te achegues á Consellería a falar co meu gabinete e que recollan as túas propostas. Escríbeme un enderezo electrónico por privado".

Na mesma conversa, o usuario Miguel González tamén aportaba: "Ademáis, cunha estratexia e xestión eficaz, se reducirían tamén os incendios nos nosos monte". Ao que o conselleiro sumou: "Totalmente de acordo. Por iso fai agora cinco meses que, por primeira vez, creamos unha nova dirección xeral para ter unha de ordenación e planificación forestal e outra de prevención e extinción. Así sempre se pode traballar en xestión do monte mentres o servizo extingue lumes".

O que queda claro –á marxe da obvia defensa da criticada política forestal da Xunta– é que o conselleiro ten un estilo ben diferente de achegar a política e o Goberno aos cidadáns.

Non é a primeira vez que José González Vázquez se mete nestes fregados. O pasado 4 de maio rechouchiaba unha mensaxe de L.A. Zarco Casabiell (@LAZarCas69), axente medioambiental que felicitaba a todo o colectivo no Día Internacional do Combatente Forestal. A crítica non tardaba en chegarlle ao conselleiro por parte do usuario @LumesGalicia, identificado como bombeiro forestal: "Sí, feliz día para os #bbff de #seaga ainda que este ano, según parece, non estarán loitando contra os lumes. Razón? Unha política para una poucos, unha politica de odio contra 400 profesionais. Solución? 26 de maio", en referencia ás elección municipais e europeas.

Nin dubidou o conselleiro e responderlle: "Oxalá ninguén loitase este ano contra os lumes, significaría que non hai. Lamentablemente haberá lumes, e o persoal ata agora de Seaga, que este ano será servizo único da Xunta, estará loitando contra eles. Este mesmo xoves reúnome cos comités de empresa, é dicir, cos sindicatos".

Máis: tan só un día antes, o conselleiro andaba metido noutro debate. Desta vez, sobre a gandería. O gobernante fora interpelado desde a conta @MontesdeBoado, unha granxa artesá sustentábel: "A gandeiría é a empresa máis rentable e sostible para un país cuios montes están abandoados por mor do despoboamento. Non será hora de comezar a incentivar que Galicia volva a ser o pais do millón de vacas!! @josegonzalezCMR". 

De novo, o conselleiro non se agochou, como acostuman facer a case totalidade dos políticos con responsabilidade de goberno cando son interpelados polos cidadáns nas redes sociais. José González Vázquez contestou: "Por iso imos sacar en 2019 unha lei para facilitar a mobilidade de terras e loitar contra o minifundismo, e tamén en abril aprobamos un convenio coa Fegamp e con Seaga no que se promove a actividade agrogandeira nas franxas de protección das aldeas. Estamos no mesmo barco".

A cousa non quedou aí. Nese mesmo fío, outro gandeiro, @Xoanvilarinho, díxolle: "Outra cuestión, podía darnos unhas pinceladas do que vai ser a leí de movimiento de terras? Xa que sou gandeiro nunha das comarcas mais despobladas de Europa... e aquí hai terras que os donos leban 2 xeracións en Argentina ou Cuba...". E o conselleiro respondeu: "En xuño darase a coñecer. É unha lei que representa a petición constante da xente do rural, e que fará fincapé no problema que comenta".

Obviamente, o conselleiro fai de altofalante da Xunta, de voz propagandística do Goberno nas redes, como calqueroutro gobernante, pero non queda dúbida que chegou, cando menos, cun novo estilo de comunicación e interacción cos cidadáns, máis próximo e máis aberto, do que os seus compañeiros e outros gobernantes non gustan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta