Os Premios do Libro Galego recoñecen a Iolanda Zúñiga e ao Grupo Chévere

Galardoaron a obra 'Natura' e 'Eroski Paraíso' do Grupo Chévere en teatro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2019 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia



Os Premios do Libro Galego galardoaron a obra 'Natura' da escritora Iolanda Zúñiga, en narrativa, e 'Eroski Paraíso' do Grupo Chévere en teatro, no marco da gala celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela este sábado.

O obxectivo destes premios é "recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do 2018 en Galicia". As modalidades Iniciativa cultural e de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultura, recoñeceron a traxectoria de varios anos dos premiados valorando a constancia ao longo do tempo nestes campos.

As distincións, sen dotación económica, xurdiron das propostas impulsadas polas tres entidades convocantes, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), para ser posteriormente sometidas a un proceso de revisión e fallo por parte dun xurado externo.

Esta gala conta co apoio da Xunta de Galicia, do concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña. Á súa vez, o evento foi presentado pola actriz Iria Pinheiro e contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas.

OBRAS PREMIADAS

En canto ás obras gañadoras, a obra elixida en canto ao xénero teatral foi 'Eroski Paraíso', do Grupo Chévere. Obra que parte dun referente real e que conta con humor as contradicións da sociedade galega contemporánea.

'Natura', de Iolanda Zúñiga, recibiu o galardón dedicado á narrativa. No ámbito da poesía está 'Memoria do corpo', de Xesús Rábade Paredes; no de tradución 'A señora Dalloway', unha adaptación da obra de Virginia Woolf por Celia Recarey Rendo; no apartado de ensaio e investigación está 'Común temos a patria. Biografía dos irmáns Vilar Ponte', de Emílio Xosé e Xurxo Martínez González.

Na sección Infantil foi premiada 'Os contos da avoa Pepa', de Francisco Xosé Fernández Naval; na de divulgación, 'Castelao na arte europea', de Siro López; na xuvenil está 'Bestiario científico de Anxos Nogueirosa' de Antonio M. Fraga e como mellor libro editado está 'Seis Poemas Galegos', de Federico García Lorca, de Alvarellos Editora.

'Man de Camelle', por Carmen Hermo gañou o premio a mellor libro ilustrado; 'O puño e a letra', de varios autores, como mellor banda deseñada e 'Biblioteca de Pedagoxía' en iniciativa bibliográfica por Kalandraka Editora.

PREMIOS Ás TRAXECTORIAS

A Iniciativa cultural premiou á Asesoría de Bibliotecas Escolares polo seu papel fundamental na organización das bibliotecas, a promoción dos libros e o fomento da lectura en lingua galega nun momento "crítico" no que se está rexistrando un "alarmante" descenso do número de falantes en galego.

'Proxecto literario na rede' recoñeceu 'Brétemas', de Manuel Bragado, traballo relacionado coa edición e a servizo do tecido cultural galego. Finalmente, a revista Luzes foi honrada na categoría de Xornalismo cultural por manter unha "voz disidente" en papel e en liña.

PREMIOS HONORÍFICOS

Ademais, entregáronse premios honoríficos por parte de cada unha das entidades convocantes. A Asociación de Escritoras en Lingua Galega nomeou a Maria Teresa Horta, escritora e xornalista relacionada coa literatura de expresión portuguesa, como Escritora Universal 2019. Valoraron a calidade literaria da súa obra e tamén o seu defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais da sociedade portuguesa.

A Asociación Galega de Editoras elixiu a María Xosé Queizán, catedrática de Lingua e Literatura Galega, por ser unha figura destacada do movemento feminista e polo seu importante labor como editora.

Finalmente, a Federación de Librarías de Galicia outorgou o premio a Antonio Fernández Maira pola súa posta en marcha das Feiras do Libro, por contribuír na creación dos Premios "Irmandade do Libro" e pola súa participación na Federación de Libreiro de Galicia.

Os Premios do Libro Galego recoñecen a Iolanda Zúñiga por 'Natura' e ao Grupo Chévere por 'Eroski Paraíso'. ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
Os Premios do Libro Galego recoñecen a Iolanda Zúñiga por 'Natura' e ao Grupo Chévere por 'Eroski Paraíso'. ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta