Miranda (BNG) reivindica nun vídeo con imaxes do accidente de Angrois o seu labor e pide poder rematala

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda salienta o seu traballo para sacar á luz o acontecido no accidente de Angrois e pide poder rematar este labor nun novo vídeo electoral que lanza o BNG con motivo das próximas eleccións europeas o 26 de maio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2019 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O BNG lanzou un novo vídeo electoral para as eleccións europeas do próximo 26 de maio con imaxes do accidente e das vítimas do Alvia en Angrois, en 2013, no que a eurodeputada e candidata Ana Miranda reivindicou o seu traballo para que se coñeza o ocorrido e pide poder rematar o seu labor da última lexislatura.

Os nacionalistas galegos lembran que o BNG converteu nunha das súas "prioridades" da acción política no Parlamento Europeo que levase a cabo unha investigación independente e política do ocorrido no sinistro, "ante os intentos do Goberno do Estado de botar terra sobre o que foi o maior sinistro ferroviario".

A candidata explica no vídeo, en primeira persoa, que se trataba dunha "obrigación moral" por parte do BNG usar a súa presenza nas institucións europeas para conseguir que se escoitasen ás "vítimas, esclarecer a verdade, determinar responsabilidades políticas e contribuír para que se adopten as medidas necesarias para evitar que nunca máis se repita nada semellante".

De feito, o traballo desenvolvido por Miranda e o seu labor, sinala o Bloque, conseguiu que a Comisión Europea "escoitase ás vítimas" e que a Axencia Ferroviaria Europea emitise "un contundente informe que denuncia sen medias tintas que o Goberno español incumpriu a normativa comunitaria, que levou a cabo unha investigación parcial e sen rigor das causas do sinistro". O informe concluíu que debía repetirse a investigación e elevarse á xustiza os resultados. Con posterioridade, o propio executivo da UE terminou abrindo un procedemento de infracción contra o Estado español.

"Cando escoitas ás vítimas do Alvia, cambia todo", manifesta a eurodeputada no vídeo, no que se compromete a seguir traballando na próxima lexislatura desde a Eurocámara ata "conseguir xustiza, verdade e a reparación" que as vítimas e a sociedade demandan. "Tiñamos a obrigación moral de defender este tema en Europa fronte a un Estado español, que dun ou outra cor non quería investigar", sinalou.

Ana Miranda (BNG) e vítimas do Alvia con informe de Bruxelas sobre Angrois. BNG - Arquivo
Ana Miranda (BNG) e vítimas do Alvia con informe de Bruxelas sobre Angrois. BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta