Arquitectos de Barcelona visitan Pontevedra para coñecer o seu modelo de mobilidade

Aseguran que algunhas solucións aplicadas na Boa Vila os deixou "pampos".

Por E.P. | Pontevedra | 13/05/2019 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra recibiu este luns a visita do equipo do Departamento de  Prospectiva da Dirección de Modelo Urbano da área de Ecoloxía, Urbanismo e Mobilidade do Concello de Barcelona, encargado do proxecto das 'Superilles', como unha gran mazá na que se vetan zonas ao coche para devolver o espazo que este ocupa aos veciños, para coñecer o modelo de mobilidade da cidade.

Pontevedra.
Pontevedra.

O equipo deste departamento está integrado por nove arquitectos coordinados por Rosa López Olmos, quen explicou que a visita a Pontevedra está enmarcada dentro do "intercambio de información" que está a realizar con outras cidades co propósito de "mellorar a calidade de vida dos barceloneses".

Rosa López comentou que a pretensión do Concello de Barcelona é camiñar cara a unha cidade "ambientalmente sustentable" e para facelo "é preciso o cambio das formas de vivir", polo que buscan "compartir experiencias coas cidades que teñen estes éxitos ou non éxitos".

No encontro que mantiveron co concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, Rosa López asegurou que lles "encantou" o que viron e mesmo sinalou que algunhas solucións aplicadas na Boa Vila os deixou "pampos".

Neste sentido, explicou que os concellos de Pontevedra e de Barcelona teñen "maneiras de facer e realidades diferentes, pero hai cousas que son universais".

O Concello de Pontevedra organizou con estes arquitectos unha reunión previa de información sobre o modelo de cidade e, a continuación, visitaron a cidade acompañados do alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.

Os arquitectos de Barcelona xa mantiveran contactos previos co Concello de Pontevedra no transcurso dunha xornada desenvolta en Cataluña para falar de saúde e cidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta