Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/05/2019 | Actualizada ás 15:58
O presidente do Goberno en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, instou este martes "a culminar a faena" nas próximas municipais, autonómicas e europeas do 26 de maio e animou a votar ao seu partido porque é o único que ten un "proxecto nacional" fronte as tres dereitas de PP, Ciudadanos e Vox, centradas, ao seu xuízo, no futuro dos seus líderes.
"O un está a viaxar ao centro... da Terra", dixo en alusión ao presidente do PP, Pablo Casado. "O outro (Albert Rivera) teima en adiantar ao PP pola dereita e o outro (Santiago Abascal), en ver se sobe ou baixa... do cabalo", ironizou nunha comida mitin no hotel María Pita da Coruña, para a que se esgotaron as 300 entradas reservadas a un prezo de 22 euros cada unha.
Tras subliñar as mensaxes que os españois enviaron o 28 de abril, con respecto a que "se pode crecer e subir o salario mínimo", que se "pode facer unha transición ecolóxica tendo en conta os intereses da industria", e que "se pode e débese frear a dereita e a ultradereita", Sánchez sinalou que a pregunta do 26 de maio é a mesma que se expuña ante as eleccións xerais. "Se queremos que os nosos concellos, a nosa autonomía e Europa avance ou retroceda", resumiu.
EN RISCO O ESTADO DE BENESTAR
Apelando á coherencia que el cre que caracteriza aos españois, Sánchez confiou en que se o 28 de abril a parte máis numerosa votou "futuro", volverá apostar por esta opción o 26 de maio porque está en xogo "desmantelar ou fortalecer o Estado de Benestar".
Para convencer da conveniencia de votar o PSOE nos comicios de maio, Sánchez comprometeuse a derrogar a vixente lei educativa (LOMCE), a que os concellos socialistas cedan chan público para construír gardarías e centros públicos, a impulsar a lei de dependencia, a recuperar o sistema de saúde pública, e a terminar cos copagos farmacéuticos.
E a mellor garantía de que o Estado de Benestar se reforce pasa, segundo el, porque haxa cantos máis socialistas, mellor, á fronte de concellos e gobernos autonómicos. "É fundamental que non nos relaxemos", advertiu ao público.
Como fixo o luns no seu primeiro mitin desta campaña, en Zaragoza, Sánchez louvou a figura de Rubalcaba, a quen atribuíu o fin do terrorismo de ETA, a posta en marcha das primeiras leis educativas que garantían a igualdade de oportunidades e tamén en boa medida "toda a arquitectura da ciencia" en España.
Antes de entrar no hotel, un dos militantes espetou a Sánchez: "Pedro, non se che ocorra pactar con Ciudadadanos, por favor".
CONCELLOS
Sánchez, avisou de que "un só voto" pode decantar que "moitos dos concellos da Coruña sufran un retroceso" nas eleccións municipais do 26 de maio e considerou "fundamental" que os socialistas "non" se relaxen nesta nova cita coas urnas, na que "está moito máis preto" o que "puido ocorrer o pasado 28 de abril", en referencia á entrada da extrema de dereita nos gobernos.
"Un voto pode decantar que esta marabillosa cidade da Coruña ou que moitos dos concellos da provincia sufran un retroceso os próximos catros anos, nada está escrito", manifestou Sánchez nun discurso que pronunciou desde un atril situado nun escenario con vistas á praia do Orzán, noutro acto na Coruña.
Neste sentido, tras asegurar que o próximo 26M está "en xogo" o Estado do benestar, subliñou que España necesita "concellos e autonomías" comprometidas cos servizos públicos.
É por iso que considera "importante" que a candidata socialista na cidade, Inés Rey, sexa a próxima alcaldesa da Coruña e tamén "fundamental" que nas próximas eleccións autonómicas Gonzalo Caballero sexa o próximo presidente da Xunta.
Deste xeito, Sánchez situou a candidata socialista á Alcaldía herculina como a garantía da defensa dos compromisos e valores do PSOE na Coruña e a Gonzalo Caballero en Galicia.
"Faremos unha aposta decidida e fundamental pola recuperación do sistema de saúde pública, acabaremos cos copagos e recoñeceremos novos dereitos como a saúde bucodental, pero necesitaremos gobernos autonómicos que non privaticen como fai o presidente da Xunta [Alberto Núñez Feijóo]", manifestou.
Todo iso nun mitin no que o presidente do Goberno se mostrou "convencido" de que Gonzalo Caballero será o próximo titular o Goberno galego e aproveitou para agradecer o traballo feito polos socialistas coruñeses para as pasadas eleccións xerais, nas que o PSOE foi primeira forza en Galicia por primeira vez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.