Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/01/2012 | Actualizada ás 20:38
O labor investigador e docente dos 17 profesores do programa Parga Pondal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reportou á institución universitaria uns ingresos de 12,4 millóns de euros, a través de fondos captados por 16 proxectos de I+D+i que dirixían os investigadores, 56 proxectos nos que colaboraban e varios contratos de colaboración con empresas.
“Para a USC este persoal ten un custo cero durante 3 anos máis se lles ofrece un contrato estable. Con todo, o equipo reitoral non aposta pola investigación e prefire perder talento e profesionais cunha produtividade moi elevada”.
Así o cre o colectivo de investigadores despedidos que lembra que até decembro de 2011, cando foron despedidos por parte do equipo de Goberno da USC, dirixiran 14 teses doutorais e impartiran 8.000 horas de docencia. De feito, na planificación do presente curso (2011-12) estaba previsto que impartisen horas de clases docentes tamén no segundo cuadrimestre.
O pasado 23 de decembro, a USC publicou unha convocatoria para seleccionar os candidatos a 5 prazas (como máximo), de entre os 17 profesores investigadores que acabaron o seu contrato o 28 de decembro. Esta convocatoria basease nunha proposta aprobada nun Consello de Goberno impugnado e, segundo os investigadores, incumpre os principios de publicidade e transparencia, xa que os criterios de selección non se fixeron públicos e o proceso non se explicou con claridade. "Estamos sorprendidos polas tropelías que este reitor está a cometer, e todo por non dar marcha atrás e cumprir o seu compromiso de estabilización de contratos”, subliñan.
Por estas razóns, a convocatoria de estabilización foi recorrida pola maioría dos afectados, que ademais non se presentaron á mesma. A publicación desta convocatoria foi improvisada e pretendía pechar o debate sobre a política de persoal da USC.
A comunidade universitaria, coa investigación
O grupo de investigadores do programa Parga Pondal quere destacar que gran parte da comunidade universitaria mostrou o seu desacordo co seu despedimento no Claustro do 14 de decembro, negándose a aprobar os orzamentos e a programación plurianual que presentaba o equipo reitoral.
Neste sentido, quere subliñar que esta é só una das moitas mostras de apoio que desde a comunidade universitaria están a darse á investigación dentro da USC. Ao mesmo tempo, representa unha labazada da comunidade universitaria coa xestión económica e de persoal que está a desenvolver o actual equipo de goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.