En Marea reivindícase como freo ás "políticas de especulación e corrupción do PP"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, nun acto celebrado en Sanxenxo, comprometeuse a desterrar "as prácticas especulativas e os intereses privados da xestión pública".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, nun acto celebrado en Sanxenxo (Pontevedra) reivindicou á formación como "alternativa" para "plantar cara ás políticas de especulación e corrupción do Partido Popular".

Luís Villares comprometeuse a que En Marea "desterrará" as "prácticas especulativas e os intereses privados da xestión pública" para "impulsar administracións transparentes e comprometidas co benestar das maiorías sociais".

Un compromiso de face ao 26 de maio que asumiu en Sanxenxo que, ao seu xuízo, "representa o peor modelo de xestión urbanística do PP", "baseado na especulación urbanística" e en "favorecer o interese particular de promotores e construtores.

"Os construtores estiveron no goberno municipal favorecendo os seus propios intereses", asegurou Villares, que fixo referencia á condena á empresa construtora do actual alcalde Telmo Martín, por "sobreprezos en vivendas de protección oficial en Navia, en Vigo": "Un exemplo claro da intolerable confusión dos intereses públicos e privados", remarcou.

Villares desprazouse en concreto a Vilalonga, onde quedou sen finalizar un centro cultural, "abandonado desde 2006" e o colexio está "en estado ruinoso desde 2007", segundo puntualizou tamén a candidata de En Marea Sanxenxo, Mary Camiña.

Fronte a esta situación, Villares defendeu que En Marea aposta "de forma decidida por un modelo alternativo que poña á cidadanía e ás maiorías sociais no centro", con "un modelo que garanta equipamentos e servizos públicos para toda a poboación".

Tamén a candidata de En Marea-Compromiso por Europa, Lídia Senra, denunciou en Sanxenxo as políticas impulsadas de costas ás necesidades das maiorías sociais. "Estamos a ver na realidade como as políticas da UE están a impactar nos servizos públicos. En Sanxenxo vemos con claridade as consecuencias de como as políticas de austeridade impactaron e limitaron os orzamentos públicos, dando lugar a que as obras do colexio de Vilalonga non estean sequera empezadas", manifestou.

Senra comprometeuse a seguir traballando desde o Parlamento Europeo para impulsar políticas que favorezan o impulso dos servizos públicos básicos e de calidade, "dando a batalla do mesmo xeito que no últimos cinco anos".

ENQUISAS

Por outra banda, en Sanxenxo, Villares valorou as enquisas electorais deste domingo que, ao seu xuízo, reflicten que "o efecto Sánchez vaise diluíndo" e existe unha "gran bolsa de indecisos" aos que En Marea aspira a "seducir" co exemplo do "bo modelo de xestión que supuxeron as Mareas en todos os lugares nos que tiveron responsabilidade de goberno".

"Non queremos modelos de xestión como o de Telmo Martín, baseados na especulación, nas condenas urbanísticas, nas condenas por sobreprezos na vivenda pública. Non queremos modelos baseados na corrupción, como aqueles a os que nos tiña adoitado o PP tamén noutros lugares como Santiago de Compostela", concluíu.

26M.- En Marea Reivindícase En Sanxenxo Como Freo Ás 'Políticas De Especulación E Corrupción Do PP'. EN MAREA
26M.- En Marea Reivindícase En Sanxenxo Como Freo Ás 'Políticas De Especulación E Corrupción Do PP'. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta