Seleccionados tres proxectos de loxística e innovación para o Programa Transfronteirizo España-Portugal

Están impulsados pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, a USC e a UVigo.

Por GC Emprende | Vigo | 20/05/2019 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

Tres proxectos galego-lusos foron escollidos polo Programa europeo de Cooperación Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 para ser desenvolvidos durante os próximos anos.

Segundo informa o Goberno galego, son tres iniciativas lideradas pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo), respectivamente, que contan con axuda financeira tanto da Xunta como do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

A segunda convocatoria do POCTEP, que ten como obxectivo principal a promoción do desenvolvemento económico e social do espazo transfronteirizo entre España e Portugal, escolleu 96 iniciativas tras pasar un proceso de selección en réxime de concorrencia competitiva unhas 295 candidaturas. Os programas elixidos recibirán un total de axudas que ascende aos 84 millóns de euros.

A primeira das iniciativas, 'Cologistics', está liderada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, conta cun orzamento total de máis de 2 millóns de euros e busca impulsar a actividade loxística no territorio Galicia e Norte de Portugal para lograr o fomento da internacionalización e o incremento da presenza exterior das empresas dos ámbitos da loxística e do transporte.

O proxecto 'Spin & Up', proposto pola USC, céntrase na creación de empresas mixtas e o abastecemento dos Núcleos de Transferencia de tecnoloxía na Eurorrexión, coa xeración e interacción de dous polos, un en Santiago e outro no norte de Portugal.

O terceiro plan de colaboración elixido polo POCTEP é 'Mobae', baseado no novo modelo produtivo 4.0 no que a innovación, as novas tecnoloxías e a dixitalización permiten dar resposta ás demandas da industria. Impulsada pola UVigo, está dirixida a concienciar ás pemes da transformación total dos negocios da mobilidade.

Sistema de condución intelixente ADAS creado por Xesol Innovation
Sistema de condución intelixente ADAS creado por Xesol Innovation | Fonte: Xesol Innovation

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta