Por Europa Press / Redacción | Tui | 22/05/2019 | Actualizada ás 15:31
A primeira conexión 5G de datos transfronteiriza en mobilidade do mundo estreouse con "éxito" este mércores entre as localidades de Tui (Pontevedra) e Valença do Minho (Portugal), nun acto no que se fixeron probas con xogadores profesionais de videoxogos e no que ademais da empresa que o puxo en marcha, Vodafone --en colaboración con Ericson-- estivo presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Con esta conectividade, explicou o mandatario autonómico, Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispor dos servizos avanzados que posibilita o 5G en ámbitos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios.
De feito, Feijóo manifestou que Galicia quere "seguir aproveitando as oportunidades desta tecnoloxía para mellorar a calidade dos servizos públicos básicos", como a sanidade --coa prestación de servizos médicos a distancia-- ou a educación, así como para incrementar a competitividade das empresas e favorecer o desenvolvemento das cidades intelixentes e os vehículos conectados.
Para iso, indicou que Galicia conseguiu confirmar un nó 5G co compromiso dos tres principais operadores --Vodafone, Telefónica e Orange-- para realizar nove casos de uso de 5G ata 2020. A cidade de Vigo e a da Coruña serán as "primeiras" de España e das "poucas" de Europa que van ter cobertura 5G.
Vodafone fixo tres proxectos piloto: un en materia de incendios; outro sobre a ambulancia 5G, conectada en tempo real a través de redes sen fíos de alta capacidade que permite a monitorización do paciente crítico remoto; e un máis coa aposta polo coche conectado, para a mellora da xestión do tráfico en interseccións coa comunicación entre vehículos e viandantes.
PROBA CON ÉXITO
Tal e como explicou a compañía, do xogadores profesionais do club de Esports Vodafone Giants (Ricardo 'Fox' Pacheco e Toni 'Tojor' Jordá) completaron o traxecto entre Tui e Valença en dous coches mentres xogaban en senllas tablets a PUBG Mobile.
No traxecto, os 'gamers' gozaron das vantaxes de 5G, "mantendo unha conexión estable e ininterrompida no cruzamento de fronteira". O gaming é un dos sectores que se verá máis beneficiado desta tecnoloxía, xa que proporciona as latencias necesarias para xogar en tempo real en calquera momento e en calquera lugar.
Ademais, o 5G reducirá notablemente os tempos de resposta das aplicacións móbiles, permitindo a aparición de novas categorías de xogos móbiles, así como de potenciais campionatos e ligas profesionais nestas plataformas.
ESPECIFICIDADES TÉCNICAS
A demostración foi realizada na rede precomercial da empresa de telecomunicacións usando os sistemas de radio e infraestrutura de núcleo de rede de Ericsson, así como oito antenas 5G.
As antenas instaláronse en estacións base existentes en Portugal e Galicia. Isto permitiu aproveitar a rede 4G de última xeración, xunto coas especificacións do estándar 5G Non-Standalone (NSA) pechadas polo sector para a comercialización desta tecnoloxía. Ademais, para esta demostración utilizouse Massive MIMO e outras tecnoloxías en desenvolvemento.
Estas son dous das innovacións, explica a compañía, que permitirán desenvolver a nova xeración de comunicacións móbiles, proporcionando maiores capacidades e eficiencia
Nesta demostración tamén participaron Groupe PSA, CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) e a Xunta de Galicia, como socios destacados de Vodafone e Ericsson no desenvolvemento conxunto de futuras aplicacións para Vehículo Autónomo e Conectado, cuxos ensaios utilizan o corredor europeo O Porto-Vigo.
"REVOLUCIÓN COTIÁ"
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que Galicia "non só quere estar presente nesta revolución cotiá" que se vai a vivir, senón que conta ademais con capacidade e fortalezas para situarse: con empresas tractoras en sectores como a automoción, o téxtil ou a alimentación; cun hípersector TIC, formado por 3.4000 empresas e máis de 23.000 profesionais: con universidades e centros tecnolóxicos en ámbitos como as telecomunicacións, a supercomputación e a automoción ou a Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo; con proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G, como o corredor entre Vigo e O Porto; e o operador público Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos en rede.
Feijóo tamén fixo fincapé na importancia de ofrecer formación neste ámbito e referiuse á posta en marcha, en setembro, do novo curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial.
Así as cousas, o mandatario autonómico remarcou que Galicia aspira a "seguir situándose" no ámbito do 5G como a única comunidade en presentar iniciativas dos tres operadores ás axudas estatais para subvencionar pilotos 5G. "E a cidade de Vigo e A Coruña converteranse en dúas das primeiras cidades de España e das poucas de Europa que van ter cobertura 5G", abundou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.