Convocadas oposicións de guías turísticos en Galicia

A Xunta convoca exames para a habilitación de novos guías de turismo especializados en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A Xunta convocou exames para a obtención da habilitación de guías de turismo especializados en Galicia, dirixidos tanto para persoas que queiran acreditarse por primeira vez, como para aquelas que xa contan con esta acreditación pero queiran ampliala a outros idiomas.

Turistas en Santiago de Compostela
Turistas en Santiago de Compostela | Fonte: Galicia Confidencial

Para poder habilitarse como novo guía de turismo especializado na Comunidade, será necesario superar tres exercicios eliminatorios. O primeiro consistirá nun cuestionario de 80 preguntas tipo test sobre xeografía, historia e cultura galega.

O segundo exercicio será a elaboración dunha tradución dun texto de castelán a galego e outro de galego a castelán. O terceiro centrarase no idioma estranxeiro, cunha tradución en ambos os sentidos --de castelán ao idioma estranxeiro e viceversa-- e unha segunda parte que incluirá unha conversación sobre algún dos temas do programa con membros do tribunal ou con persoas que os asistan en cada un dos idiomas solicitados.

IDIOMAS E TÍTULOS

Entre os idiomas a avaliar están o inglés, francés, alemán, italiano, portugués, chinés, xaponés e ruso. Sobre o resto de idiomas solicitados polas persoas interesadas, a Consellería de Cultura e Turismo resérvase o dereito a determinar se serán ou non obxecto de avaliación en función do número de solicitudes presentadas e da valoración da demanda turística do idioma.

Os aspirantes a estes exames deben ter algún dos títulos indicados na convocatoria, como o ciclo formativo de grao superior de formación profesional, grao ou diplomatura universitaria, licenciatura, gran diploma de xestión e dirección de empresas hoteleiras, diploma de xestión de empresas hoteleiras ou diploma superior en xestión hoteleira.

Ademais, débese acreditar o dominio das linguas oficiais de Galicia e dalgunha lingua estranxeira, salvo que se opte por realizar a correspondente proba de idiomas.

PROBAS DE IDIOMAS

Os candidatos que obteñan a súa habilitación por primeira vez poderán estar exentos da segunda proba achegando o certificado do Celga 4 ou o equivalente en idiomas estranxeiros cun nivel B2.

Para a exención do terceiro exercicio, débese presentar a certificación expedida polo organismo competente nun nivel de coñecemento, como mínimo ao nivel B2 do idioma estranxeiro.

Os profesionais con habilitación en vigor, como guías de turismo de Galicia que queiran ser habilitados para outros idiomas distintos, só terán que superar as correspondentes probas de idioma.

SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN

As solicitudes e a documentación para presentarse a estas probas deben enviarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo para recibir a documentación será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta convocatoria no DOG. Os aspirantes poden descargar o temario e informarse da totalidade dos requisitos e documentación no DOG.

Con esta nova convocatoria de exames, a Consellería de Cultura e Turismo dá resposta ao seu compromiso, recollido na Estratexia de Turismo de Galicia 2020, de "velar pola profesionalización no marco do turismo e pola calidade na atención dos viaxeiros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta