Xeometrías de Oregón

Nesta vixésimo sétima entrega de 'Viaxes sen Lee', a exploración emocional de Gabriel Rei-Doval chega ó triángulo fluvial do Columbia e o Willamette, onda a costa de Oregón.

Por Gabriel Rei-Doval | Portland (Oregon, USA) | 30/05/2019 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Cada vez máis próximo a Portland, as figuras xeométricas acabaran por introducirse na viaxe. Durante un tempo, a imaxe mental fora unha liña recta quebrada por desvíos e curvas pola xeografía estadounidense. Mais, preto no Pacífico, outras xeometrías máis complexas comezaban a facerse presentes.

No Pearl District con Jeff e Mechthilde: amigable triángulo wisconsinita
No Pearl District con Jeff e Mechthilde: amigable triángulo wisconsinita

A cuadratura é polivalente: a visión matemática fai dela unha perfecta combinación de catro liñas idénticas, mais para a astronomía é unha relación dialéctica entre dous corpos separados por algún círculo. Xa preto do Pacífico, matinaba na forma máis acaída á miña progresión, onde estarían os dous corpos e cal sería a súa distancia, física e emocional.

Comezaba tamén a ter clara a aspiración a cadra-los lugares e distancias unha vez chegado á costa oeste; continuar camiño da cálida California, sen renunciar a Seattle, esa terra de poliédricos líderes nativoamericanos onde sempre me sentira na casa, e asemade trazar cantas liñas fose posible polo ignoto Oregón.

En Mount Hood os amantes petrificados onda o río Columbia fixeran emerxe-la figura do triángulo, como comentei en Portland con Jeff e Mechthilde o día seguinte. Amizade, amor e medo; ira, amor e baleiro; amizade, traizón e amor... triángulos que ás veces tornan en círculos e mesmo espirais, cara a dentro e cara a fóra; conmutacións e permutacións que a mente binaria non dá procesado.

Con Mechthilde e Jeff a empatía foi, coma sempre, exquisita. A reunión azarosa de tres amigos que non se viran desde o verán de Milwaukee alimentou metáforas, mitos e símiles, e preguntámonos se as figuras eran necesariamente excluíntes. Faleilles do triángulo inscrito na circunferencia e do paradoxal mar dos espellos. Agora en perspectiva fluvial oregoniana, as figuras xeométricas resistíanse a unha redución simplificadora. O único constante era o río da conciencia, asumi-lo cambio constante, fluír de noso que se disolve de forma permanente e crea realidades novas. O Río Columbia forma meandros antes de Portland e ó bifurcarse no Willamette dá orixe a un triángulo isósceles. Nada é simétrico, nada regular; todo sempre suxeito á natureza caprichosa e a inherente impermanencia da mente humana. 

Agardando polo espírito de Portland, onda o río Willamette
Agardando polo espírito de Portland, onda o río Willamette

No triángulo isósceles formado con Jeff e Mechthilde, o meu lado era o máis curto, un camiño da vida de destino descoñecido. Mentres os triángulos de creación fluvial experimentan erosión e mudanza de vagariño, nos triángulos humanos a erosión pode ser rápida, ás veces inesperada, coma o terremoto repentino ou o volcán que licúa a maior das solideces pétreas. 

O noso triángulo fora construído desde a empatía, en movementos periódicos delineados onda o Lago Michigan, e no irregular rectángulo de Oregón ficaramos inscritos no triángulo fluvial imperfecto de Portland, preto da conciencia do Pacífico.

Mentres me preguntaba polo resultado de tanta incerteza acuosa, procurei distancia na escalada a pedais ata a Pittock Mansion, nese outeiro formado polo triángulo de Willamette, Kings e Arlington Heights. Na ollada elevada desde os outeiros adiviñei a dimensión tamén elevada do ser humano que sucumbe ás emocións comprimidas, e enxerguei formas e camiños da vida diversos, círculos, triángulos e cuadraturas imperfectas. 

Alá arriba, na Mansión Pittock, estaba a visión completa e panorámica, como a vista de paxaro. Sentado á beira do cumio atopei Chitto, enxeñeiro químico de Pennsylvania fumando na súa pipa de tabaco aromático mentres acariñaba a barba branca coa vista perdida e cálida nos outeiros próximos. Mudárase a Oregón uns anos antes ca Janice, profesora aínda en activo. El xubilárase á primeira ocasión, e xuntos gozaban dun tempo compartido de arrecendos florais. Despois de senllos divorcios tormentosos, ambos decidiran iniciar unha vida nova no xardín de rosas vermellas onde habita o corazón.

O triángulo montañoso resolvérase nun círculo do que tamén formaba parte Sebastian, aínda na escola primaria, e Portland era o lugar ideal para volveren empezar, iluminados polo facho do amor entre lavanda fresca e cereixa madura. O triángulo tornara en circunferencia e todo cadraba floral nas vidas de Chitto, Janice e Sebastian. A determinación do amor conseguira a cuadratura do círculo e as arestas puntillosas deran lugar a un círculo de dous que virara en tres en Portland, na serena confluencia do Columbia e o Willamette, onde o orballo do outono sabe a tabardilla madurada polos ventos Tillamook do Pacífico.

No outeiro da Pittock Mansion, en Portland
No outeiro da Pittock Mansion, en Portland
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA