Feijóo pide a Sánchez que "elixa ben aos seus socios" para dar a España un goberno "estable"

"É momento de construír, de dar estabilidade ao país no Goberno central", di.

Por E.P. | VIGO | 30/05/2019 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, expresou este xoves a súa esperanza de que Pedro Sánchez "elixa ben aos seus socios", e avogou por pactos que dean "estabilidade" tanto no Goberno de España como en concellos, Comunidades Autónomas e Deputacións. Este mércores o propio Feijóo apoiaba acordos do PP con Vox.

Así o trasladou en declaracións aos medios, tras participar nun acto no estaleiro vigués Fillos de J.Barreiras, e lembrou que "as eleccións xa acabaron e agora toca empezar a gobernar". A ese respecto, Núñez Feijóo incidiu en que "non se sabe exactamente como vai ser o Goberno de España, non se saben os partidos políticos, nin que socios vai expor Pedro Sánchez para a investidura.

Segundo o líder dos 'populares' galegos, "é momento de construír, de dar estabilidade ao país" no Goberno central, onde espera que o presidente "elixa ben aos seus socios". Así mesmo, avogou tamén pola estabilidade en municipios, deputacións e Comunidades Autónomas, en moitos dos cales o PP, como forza máis votada, "é o que ten posibilidade de construír pactos alternativos ao socialismo e a Podemos".

Con respecto ao seu partido, Núñez Feijóo pediu "deixar traballar" a un PP que "ten moita tarefa por diante". "Imos ver se acertamos todos e empezamos a mandar a mensaxe de que a política ten que ser útil, e dar estabilidade ao goberno central, Comunidades, concellos e deputacións", proclamou, e advertiu que calquera camiño en sentido contrario a este, "o que fai é acrecentar a inestabilidade".

Feijóo nunha rolda de prensa
Feijóo nunha rolda de prensa | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta