CSIF pide ás administracións un plan para reter aos investigadores

O sindicato reclama un "futuro para os investigadores" en formación e para os de excelencia, así como que o Goberno estatal "poña os medios para corrixir a situación actual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2019 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A Central Sindical Independente e de Funcionarios da Universidade de Santiago de Compostela (CSIF-USC) reclamou este venres un "plan de acción conxunto" entre administracións para "reter o talento" dos investigadores universitarios.

Neste sentido, a organización sindical mostrou a súa preocupación pola estabilidade laboral dos mozos investigadores e en especial dos provenientes dos programas post-doutorais internacionais, nacionais e autonómicos de excelencia, "xa que hoxe unha maioría destes investigadores sobreviven grazas aos contratos ligados aos proxectos de investigación".

Segundo os seus datos, nos campus de Lugo e Santiago da USC, ao redor de medio milleiro de persoas están afectadas por esta situación. Así, CSIF-USC lembrou que a sociedade "investiu gran cantidade de recursos en formar e captar persoal altamente cualificado".

"Doe ver a persoas duns 40 anos decepcionadas polas pretendidas políticas de captación de talento do goberno estatal, do autonómico e da universidade. Esta suposta captación de talento non se coordina logo cunha adecuada retención dese talento", lamentou o sindicado.

MAN DE OBRA BARATA

Ademais, indicou que este problema "se agrava" coa oferta de máis prazas de formación de investigadores, "que supoñen man de obra barata para a ciencia, pero non a consolidación de postos de traballo estables", a pesar de que este persoal estivo encadeando contratos "nalgúns casos durante máis de 15 anos consecutivos".

Para a CSIF, esta situación "agudízase aínda máis" cos mozos investigadores en formación, a pesar da aprobación do Estatuto do Persoal Investigador en Formación, xa que o Goberno "nin vai financiar nin a compensar ás universidades polo novo salario mínimo de 16.422 euros brutos anuais".

Desta maneira, o sindicato reclamou un "futuro para os investigadores" en formación e para os de excelencia, así como que o Goberno estatal "poña os medios para corrixir a situación actual". Así mesmo, pediu á Xunta de Galicia que "se faga consciente" da situación e que adapte as súas convocatorias e tome as medidas oportunas a efectos de reducir a bolsa de investigadores "sen futuro".

"A USC, responsable en parte da situación á que se chegou, terá que realizar unha adecuada planificación entre captación e retención con transparencia para impedir a fuga do talento que formou co diñeiro de todos os galegos", sentenciou CSIF, quen convidou aos demais sindicatos a unirse a esta "xusta demanda" contra a "precariedade" e as "falsas expectativas" creadas polas administracións.

Investigadores do IDIS descobren que a identidade celular tumoral é clave para o desenvolvemento do cancro. IDIS
Investigadores do IDIS descobren que a identidade celular tumoral é clave para o desenvolvemento do cancro. IDIS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta