A mulleres abelleiras, protagonistas da Mostra Galega de Apicultura

O evento foi celebrado en Arzúa e organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA). Tamén houbo outros acontecementos relevantes como a posta en marcha do Concurso de Meles do País.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 02/06/2019 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

A Mostra Galega de Apicultura celebrada en Arzúa tivo como protagonista nesta ocasión ás mulleres apicultoras, que contan con cada vez máis presencia nun sector tradicionalmente masculino. O xénero feminino está a medrar tanto en número como ocupando postos cada vez máis destacados. Outro dos temas centrais da xornada foi a valorización dos produtos da colmea coa posta en marcha do Concurso de Meles do País que premiará aos produtos gañadores cun selo “5 estrelas”.

Mostra Galega de Apicultura en Arzúa / AGA Mostra Galega de Apicultura en Arzúa / AGA
Mostra Galega de Apicultura en Arzúa / AGA Mostra Galega de Apicultura en Arzúa / AGA

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) convocou ao sector apícola na localidade coruñesa de Arzúa. O evento tivo como elemento central á muller apicultora, nunha aposta por parte da organización pola igualdade de xénero. Unha representación de socias de AGA expuxeron as súas experiencias dende diferentes perspectivas. Dulce Barro, apicultora experimenta e vogal de AGA, centrou a súa intervención en como tomou o oficio continuando a tradición familiar. Jara Varela, unha apicultora especializada na cría de raíñas, falou tanto das posibilidades que ofrece da apicultura como das dificultades que existen para conciliar vida laboral e familiar.

Pola súa banda, Maruxa Blanco, unha abelleira recentemente incorporada, relatou como son os inicios no sector e as grandes dificultades que atopou polo camiño. A derradeira intervención foi a de María Fé Sixto, unha muller que é a terceira xeración dunha familia apicultora. Ela tomou o relevo no sector pero sempre cun enfoque profesional, centrado en aprender técnicas para mellorar a comercialización seu produto, varias veces gañador das catas de IXP Mel de Galicia.

VALORIZACIÓN DOS PRODUTOS

Durante a xornada, a asociación presentou diferentes proxectos destinados á valorización e á diversificación dos produtos apícolas. O voceiro de AGA, Suso Asorey, presentou o concurso Meles do País. Animou aos socios e participar na colleita de mel do 2019 e lograr unha cualificación de cinco estrelas, unha distinción que axuda a aumentar o valor de mercado do produto.

Joaquín Lozano, veterinario de AGA, explicou a importancia de analizar o mel para mellorar o coñecemento da materia prima, o cal poderán facer os socios da organización a través do laboratorio apícola que poñerá en marcha a asociación no mes de setembro. Ademais, a técnica de AGA Paula Souto expuxo as características das feiras do mel, unha das vías que teñen os abelleiros para pór en mercado os seus produtos. Entre elas está a Feira dos Produtos Apícolas de Allariz, que celebrará a súa próxima edición o 15 de setembro.

Por último, na exposición no Centro do Queixo e do Mel, as persoas asistentes puideron degustar unha gran variedade de produtos apícolas e queixos de diferentes tipos entre outros produtos. Tamén houbo espazo para os máis pequenos, que puideron participar nunhas actividades de carácter didáctico sobre a importancia das abellas.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta