Por Xoan Hermida | Pontevedra | 03/06/2019
Todas estas experiencias teñen en común ter sido capaces, en diferentes momentos e contextos, de ir máis alá do seu espazo ideolóxico para abordar iso que os clásicos definían como proxecto nacional de clase, transcendendo aos intereses corporativos de orixe e formularse con niveis de transversalidade electoral amplos.
Pechar un ciclo político
Lembro de moitos compañeiros que no 2011, coma min, volveron á política partidaria, tras máis dunha década de retiro, ao entender que o 15M abría unha oportunidade de emenda á totalidade do que se viña facendo desde os partidos en xeral, e desde a esquerda en particular, facía ben tempo.
Os primeiros pasos do NPC e de AGE non foron precisamente esperanzadores, pero todos tacitamente aceptamos esa situación entendendo que se trataba dun período transitorio curto ata que as dinámicas cidadáns foran recuperando o espazo demandado nas prazas e situando á marxe as dinámicas dos partidos.
A irrupción de Podemos, nas europeas do 2014, foi unha esperanza de que máis xente estaba a pensar coas mesmas lóxicas. A irrupción das Mareas, nas municipais do 2015, unha primavera democrática que permitía definir unha folla de ruta propia e á vez distinta a un Podemos que xa comezaba moi rapidamente a amosar síntomas estraños.
A diferenza do 2015, o 2016 foi un ano horrible para a nova esquerda. Iniciouse cos erros (tácticos??) de como afrontar a investidura de Pedro Sánchez, seguiu coas primarias amañadas de En Marea e rematou coa reorientación estratéxica de Podemos en Vista Alegre II cara un proxecto que se estreitaba na súa interpretación ontolóxica e na súa concepción epistemolóxica (incluída a revisión da formulación real da plurinacionalidade na acción política).
Foi en novembro de 2018 nun acto en Ferrol, co gallo da presentación do meu libro “Galicia no labirinto da nova política”, cando expresei por vez primeira en público a idea de que entrabamos na etapa pos-Podemos (referencia que incluía ademais de á propia Podemos, ás forzas do cambio que se vertebraran arredor del) e que ese novo tempo só se resolvería ben cunha volta ao pasado, mesmo expresei a posibilidade de que forzas populistas de extrema dereita asomaran no panorama, ou ben coa reconfiguración dun novo espazo de ruptura democrática que por forza tería unha nova dimensión confederal e renovadora real.
Lamentablemente o 26 de maio pechouse o ciclo político aberto pola irrupción das mareas municipalistas e pechouse (mellor dito pechárono algúns cun portazo) a xanela de oportunidade aberta no 2011 (o espellismo do 28A durou pouco e quizais Podemos entre nun goberno, tal como lle ocorreu ao BNG no 2005, para agudizar aínda máis as súas propias contradicións, arrastrar ao PSOE e abrir unha longa etapa de gobernos de dereitas).
Soamente dez certezas
Coñezo moi ben cales son os camiños políticos que toca transitar a partir de agora. Son de, veremos se longa ou curta, travesía de deserto.
Moitos terán a tentación de sumarse, unha vez máis como xa pasou noutros momentos, ao PSOE, convertido no partido socialdemócrata máis forte de Europa. Algúns volverán á nave nodriza do nacionalismo da que aínda que marcharon nunca se interrogaron seriamente do por que.
Quizais o máis honesto é reatualizar o proxecto da Marea e reubicalo na corrente política da esquerda renovadora e verde que está a agromar en Europa e, desde a soberanía como partido, entroncarse nunha nova esquerda confederal cos nosos aliados das europeas e que conte co impulso decisivo do camiño sinalado por Íñigo Errejón nos últimos días.
En todo caso teño para min entre infinidade de dúbidas, soamente dez certezas:
creo na política como unha contenda dialéctica que tras confrontar proxectos e cuantificar os seus resultados abre necesariamente o tempo do diálogo e o acordo do expresado pola cidadanía;
creo, nese senso, que a sociedade non se equivoca, que os electores non son de ninguén, e actúan na elección en función do que entenden mellor para el e para os seus concidadáns;
creo que persiste nalgunha esquerda a cultura non democrática do vangardismo estéril e da superioridade nihilista, dos que desconfían do pobo que din querer defender e que desprezan a humanidade, cargados de elitismo e intolerancia;
creo que se fai necesario rachar coa política de bloques que ten permitido recompoñer a estrutura de partidos previa ao 2011, para liberar ás forzas máis democráticas do bloque da dereita necesario para frear a extrema dereita, substituír a cultura neofranquista dominante na dereita desde a transición e osixenar a democracia;
creo que o ciclo das mareas rematou e que En Marea deberá avanzar nun proceso de refundación dun novo partido galego, renovador e que se asente sobre a proposta da xustiza social e ambiental;
creo que calquera proxecto nacional que non teña, desde a súa vertebración política e orgánica soberana, aliados estables con quen construír un proxecto de estado en España e en Europa acabará de facto reducido a un proxecto nacionalista minoritario;
creo que a forza do cambio galego ten que asentarse sobre as correntes renovadoras do ecoloxismo político que gañan terreo no espazo europeo e global, e creo que iso é incompatible con seguir defendendo privilexios de posición ou enerxéticos de grandes corporacións altamente depredadoras do hábitat;
creo que o principal reto de carácter anticapitalista é o reto de loita contra o cambio climático e o modelo suicida de desarrollismo produtivo e consumo delirante que o sistema ten imposto;
creo que os cambios non se asentan sen unha importante estrutura cívica e social colectiva que hoxe está desmantelada;
creo que moitas veces as diferenzas políticas non fan máis que esconder miserias humanas. A nova política ten sido un hábitat perfecto para o medre de incompetentes e xentes na procura dun xeito de vida.
Asistimos a segunda fase da globalización, os enfrontamentos comerciais entre China e USA así o certifican. Durante a primeira fase o altermundismo xogou o papel de recomposición dunha esquerda mundial atordada e derrotada pola caída do comunismo soviético e da socialdemocracia desarrollista.
Nesta nova fase o altermundismo ten quedado sepultado debaixo dos fracasos dos modelos latinoamericanos e soamente a corrente da New Deal Green na esquerda do Partido Demócrata nos Estados Unidos está ofrecendo unha alternativa de supervivencia global.
Unha Europa en crise estrutural xógase se lle vai quedar algún papel reequilibrador entre dúas potencias que se disputan o reparto do novo mundo namentres poñen en perigo a propia supervivencia do mesmo.
O reto do cambio climático e a resposta ecosocialista ao mesmo, non pasa a ser unha máis que se poida sumar incoherentemente a un listado programático máis amplo.
A contradición principal é, hai tempo, a supervivencia da vida no planeta. Os europeos empezan a observar que a salvagarda dos dereitos democráticos e sociais do que foi o espazo máis avanzado no mundo con respecto a eles pasa por salvar a espacialidade sobre os que se asentan: a terra.
En Marea e outros continxentes da esquerda galega poden seguir nostalxicamente volvendo a vista atrás para atoparse nos espazos ideolóxicos de procedencia de cada quen no século pasado ou incardinarse sen ambigüidades no camiño que a nova esquerda en diversas partes do planeta xa iniciou a andar.