Por Galicia Confidencial | Sanxenxo | 20/02/2012 | Actualizada ás 13:49
“Piso, trastero y garaje con valor catastral de 120.116 euros”. Así, describe Telmo Martín este ben inmoble ubicado en Sanxenxo na súa declaración de bens presentada ante o Congreso e na que, ademais, figuran unha vivenda unifamiliar en Cambados, dous pisos máis en Málaga e Pontevedra, tres apartamentos en Pontevedra e unha finca urbana en O Grove. En total, pouco máis dun millón de euros.
Sen embargo, según fontes consultadas por GC ese piso podería estar valorado en máis do triple do que declara pola súa excelente ubicación e o prezo do chan nesa zona, en primeira liña de praia. O propio Telmo Martín era o promotor do edificio no que se atopa esa vivenda e que constuiu Construcuatro, empresa na que participa o deputado. Antes Martín fora presidente da xerencia de Urbanismo e alcalde da turística vila.
Sentencia contraria
Precisamente, ese edificio está pendente de derruvo tras unha denuncia presentada pola asociación ecoloxista ‘Salvemos Pontevedra’ que, en xaneiro de 2004, denunciou que un edificio levantado por Construcuatro no paseo de Silgar, invadía a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
A Xunta iniciou entón un expediente sancionador, cuxa proposta de resolución prevía unha sanción de 3.055.841 euros e que se demolese o edificio. No entanto, en febreiro de 2005, o entón conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, ditou unha resolución pola que se pechara o devandito expediente.
Posteriormente, o TSXG anulou a decisión de López Veiga -de novo tras denunciar 'Salvemos Pontevedra- por considerar que o conselleiro non era competente para tomala, senón que debía ser adoptada no Consello da Xunta. Contra este fallo do tribunal galego, de xaneiro de 2008, que ordenaba continuar o expediente, a empresa Construcuatro presentou un recurso de casación, que o Supremo acabou desestimando en xullo do pasado ano.
Postura do TS
O TS considera que os preceptos invocados por Construcuatro no seu recurso para defender que o conselleiro si era competente para sobreseer o expediente "carecen de toda virtualidade e só se explícan como un intento artificioso de dotar ao motivo de casación dun sustento". O TS suliña que contra a sentenza “non cabe recurso ordinario algún" polo que a construtora terá que derruvar o edificio e pagar a multa de máis de 3 millóns de euros.
‘Salvemos Pontevedra’ insiste en que Telmo Martín é propietario dun dos pisos do inmoble, nunha planta que "non existe na licenza de obras nin a de primeira ocupación". Un piso que adquiriu en 2002 e que segundo consta na declaración de bens custa 20 millóns das antigas pesetas.
Outras sentencias en Sanxenxo
O concello de Sanxenxo está a acumular sentenzas urbanísticas en contra como a sentencia de maio de 2011 doutra promoción urbanística coñecida como os SU13, da que xa falamos no GC, tamén pon no punto de mira a Telmo Martín xa que obriga ao concello de Sanxenxo a devolver os 3.8 millóns de euros nunha xestión que fixo o propio Telmo Martín cando era alcalde da localidade.
A sentencia (pdf) tamén fai referencia a Encarnación Rivas que era a xerente de urbanismo do concello e que agora é a actual secretaria xeral de Urbanismo da Xunta e diretora da APLU. Significativo tamén é que a defensa dos pleitos urbanisticos de Sanxenxo os leva Jose Luís Narbón que actualmente é asesor na conselleria de Medioambiente e Territorio.
Outra sentenza ven de deixar fora de ordeación a 6 edificios de nova construcción con licenza xa que o TSXG ven de anular o plan parcial do PEI 18 quedando estes edificios con poucas posibilidades de legalizar.
Incluso o TSXG anulou no seu día o plan parcial do polígono industrial de Sanxenxo denominado SU 15 e o que Telmo vendeu como o único polígono industrial de caracter privado de Galicia e que sería un modelo a seguir e que actualmente se atopa inativo esperando a que se dote de servizos básicos.
Pero inda faltan coñecer sentenzas como a do SU14 na que se pide a devolución 4,7 millóns de euros.
Infromación elaborada coa colaboración do blog colaborador cousasdesanxenxo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.