Temas: ELECCIóNS PSOE PP

O PP pide ao PSOE que gobernen as listas máis votadas en Galicia, ao contrario do que propón en Madrid

O PPdeG pide por carta ao PSdeG que posibiliten o goberno das candidaturas que conseguiron máis votos nas municipais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, remitiu unha carta ao vicesecretario e portavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, na que lle pide aos socialistas galegos que se comprometan a posibilitar o goberno da lista máis votada tras as pasadas eleccións municipais do 26 de maio. Unha petición que contrasta coa postura adoptada polo Partido Popular noutros puntos do Estado, onde os conservadores están dispostos a gobernar en coalición con Ciudadanos e o partido ultradereitista Vox, como en Madrid, onde pretenden que as listas máis votadas na cidade (Más Madrid) e na Comundiade (PSOE) non tomen o bastón de mando.

Feijóo e Casado en Galicia.
Feijóo e Casado en Galicia. | Fonte: Europa Press.

Na misiva remitida este luns, o número dous do PPdeG lembra que nos pasados comicios locais os cidadáns expresaron "de forma democrática a súa vontade". "Nalgunhas corporacións apoiaron de forma clara e contundente unha determinada formación política, o que se traduciu en maiorías absolutas pero, noutras corporacións algunhas destas candidaturas contaron cun amplo apoio popular sen poder alcanzar dita maioría", sinala.

Ante iso, Tellado considera que lle corresponde aos partidos políticos "interpretar e respectar esta vontade popular". "Por iso, desde o PPdeG comprometémonos, se o PSdeG tamén se suma a este acordo, a posibilitar o goberno da lista máis votada", indica.

Así, segundo apunta, buscan que "a opción política que contou coa confianza maioritaria dos veciños" teña a "posibilidade de gobernar unha vez que se constitúen os concellos e as deputacións provinciais".

Deste xeito, o PPdeG traslada formalmente ao PSdeG unha proposta lanzada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a pasada semana, na que se mostrou partidario de que o PP facilitase ao PSOE o goberno do Concello de Ourense --os socialistas foron os máis votados-- se o Partido Socialista deixa gobernar o presidente popular en funcións, Manuel Baltar, na Deputación provincial --quedou a un deputado da maioría absoluta--.

O PP NACIONAL TAMÉN APOIA ESTA PROPOSTA

Precisamente, este mesmo luns, o secretario xeral do PP estatal, Teodoro García Egea, animou ao PSOE a recuperar a iniciativa do Partido Popular para que goberne a lista máis votada, de forma que se aumente a "transparencia" nos pactos postelectorais. Segundo dixo, se o PSOE quere "retomar" esa iniciativa, o PP está disposto a"fixar dunha vez por todas un criterio que permita saber quen é o alcalde a noite electoral".

Egea pronunciouse deste xeito ao ser preguntado se o PP está disposto a volver levar ao Congreso a súa proposición de lei para que goberne o máis votado, unha iniciativa que Pablo Casado presentou no Parlamento pouco despois de facerse coa Presidencia do partido no congreso extraordinario. Con todo, o 'número dous' do PP deixou a iniciativa sobre este asunto ao PSOE.

A pasada semana, Núñez Feijóo tamén defendeu a reforma da lei electoral para que goberne o mais votado, xa que, segundo dixo, "non pode ser que o partido gañador convértase en perdedor, e o que perda convértase en goberno", en alusión ao que ía suceder en varios municipios galegos.

A iniciativa é contraria ao que o propio PP fixo en Andalucía, onde evitou que gobernase a lista máis votada nas eleccións autonómicas, a socialista, ao aliarse con Ciudadanos e o partido de extrema dereita Vox. O mesmo caso que na Comunidad de Madrid, onde agora pretende facer o mesmo cos mesmos socios, ou na capital de España, onde repetiría os pactos para evitar, neste caso, o goberno de Más Madrid.

Temas: ELECCIóNS PSOE PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta