O PP pide ao BNG que "demostre que co seu voto quere ser útil para Galicia e non o parvo útil do PSOE"

Os conservadores retan os nacionalistas a que condicionen o seu apoio ao PSOE se aproba o estatuto electrointensivo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

O deputado popular Miguel Tellado retou no pleno do parlamento deste martes ao BNG a que condicione o seu apoio ao PSdeG-PSOE nos concellos galegos, que se constitúen este sábado día 15 de xuño, a que este venres o Goberno de Pedro Sánchez aprobe o estatuto electrointensivo no Consello de Ministros.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

Así respondeu Tellado a unha proposición non de lei presentada polo Bloque que pedía que a Xunta demandase ao Executivo central a intervención pública de Alcoa para "garantir" o mantemento do emprego e a súa actividade industrial, no caso de que non se atope un comprador cando expire o prazo, que é ata finais deste mes.

Para os populares, "non se pode ter confianza" nun Executivo que "falta constantemente á súa palabra", polo que "non se poden admitir máis escusas" dos socialistas, que "deben admitir a súa responsabilidade" e ofrecer un estatuto cunha "solución integral" para Alcoa, tanto para a súa planta da Coruña como para a de Avilés.

Por iso, desafiou aos nacionalistas a que "demostren que co seu voto queren ser útiles para Galicia e non o parvo útil do PSOE". "Condicionen o seu voto e que dunha vez o nacionalismo sexa útil para alguén e non só para os militantes do BNG. Acaban de entregar un cheque en branco ao PSOE para que goberne perdendo", sentenciou o tamén secretario xeral do PPdeG.

Neste sentido, a deputada do Bloque Noa Presas criticou a "política de botar balóns fóra" do PPdeG e pediu que "chegado o momento esixan o que teñan que esixir" que, ao seu xuízo, é unha intervención pública de Alcoa.

Así, lamentou a situación de "xaque" e "límite" que viven "moitas" empresas industriais galegas e as electrointensivas. Aquí criticou ao PP, "xa que foi o creador do marco enerxético actual", pero tamén ao PSOE "que leva meses con promesas".

En Marea tamén coincidiu con este argumento. O seu deputado, Casal Francisco criticou que o PSOE "estea a empeorar" a lexislación eléctrica que desenvolveu o PP.

O deputado socialista Abel Fermín Losada lamentou a perda de tecido industrial de Galicia "por encima da media de España", polo que ironizou con que non é culpa do Goberno do PSOE "senón da Xunta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rosa Luxemburgo

É a desesperación demagóxica de quen sabe que está a perder poder.