PSOE e Ciudadanos pactan un goberno de coalición en Taboadela, tras catro décadas de alcaldía do PP

O PP quedou como segunda forza política despois de que o 'popular' Manuel Gallego, o alcalde máis veterano de Galicia, non se presentase como candidato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O Partido Socialista gobernará en coalición con Ciudadanos no concello ourensán de Taboadela, no que o PP quedou como segunda forza política despois de que o 'popular' Manuel Gallego, o alcalde máis veterano de Galicia, non se presentase como candidato.

Álvaro Vila, PSOE de Taboadela
Álvaro Vila, PSOE de Taboadela | Fonte: Cedida.

O Partido Popular optou para estas eleccións municipais polo concelleiro José Antonio Paz Prieto como candidato, en substitución de Manuel Gallego, o alcalde durante 47 anos —desde 1972— sen necesidade de pactos e concelleiro durante 52 anos.

Tras o cambio na cabeza de lista 'popular', o PSOE quedou como forza política máis votada, con 4 concelleiros, seguido do PP con 3, de Ciudadanos con 1 e da formación VE-TA (Veciños Taboadela) tamén con 1.

Este mércores, os socialistas anunciaron que o seu portavoz no municipio, Álvaro Vila, asumirá o bastón de mando no concello, no que "cogobernará con Ciudadanos", partido que lle mostrou "o seu apoio e o seu interese por entrar a formar parte do goberno".

Os socialistas valoraron que "tras máis de catro décadas de goberno do Partido Popular, os veciños entenderon que o concello precisaba dun cambio e dunha rexeneración", con medidas que rescaten do "ostracismo" a localidade, de algo máis de 1.400 habitantes.

Álvaro Vila puxo en valor as iniciativas "construtivas" que impulsou desde a oposición e a súa intención de "sumar". "Isto témolo que construír entre todos", sinalou o socialista, que na noite electoral se puxo en contacto tanto con Ciudadanos como con VE-TA para formar goberno e abrir o concello "ás achegas da sociedade civil de Taboadela".

No entanto, explicou que despois "de varias conversas, Ciudadnos acepta entrar no goberno, mentres que VE-TA considera que prefire non entrar e manterse na oposición". Os socialistas respectan a decisión e confían, en todo caso, na colaboración desta formación para un "novo ciclo" en Taboadela.

Pola súa banda, o candidato de Ciudadanos na localidade, Roberto Blanco, explicou que o acordo xorde co obxectivo de buscar "cambios de políticas e na forma de facer as cousas", despois de 47 anos de goberno da mesma persoa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta