Jácome estréase como alcalde de Ourense cunha pintada na que lle chaman "traidor" e unha multa de aparcamento

A pintada apareceu nun dos locais que o líder de Democracia Ourensana ten nas Galerías Centrais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

Un dos locais que o novo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ten nas Galerías Centrais xunto ao seu establecemento de instrumentos musicais Jolper apareceu este luns cunha pintada na que pode lerse a palabra "traidor". Os feitos suceden apenas dous días despois de que o líder de Democracia Ourensana pactase co Partido Popular para facerse coa alcaldía e deixar a Manuel Baltar á fronte da Deputación provincial.

Unha pintada na que lle chaman 'traidor' e unha multa por estacionar mal reciben a Jácome como novo alcalde de Ourense
Unha pintada na que lle chaman 'traidor' e unha multa por estacionar mal reciben a Jácome como novo alcalde de Ourense | Fonte: Europa Press

Por outra banda, este luns Jácome estreouse como alcalde coa multa que lle puxo a Policía Local por mal estacionamento dun dos coches da súa canle de televisión Auria TV. En concreto, estaba aparcado no sitio reservado para o coche oficial da Alcaldía.

As críticas contra Jácome sucedéronse desde que se fixo público o seu acordo co Partido Popular, e é que unha das promesas da súa campaña electoral era 'botar' a Baltar da Deputación.

A este respecto, explicou que "aínda a risco de recibir moitas críticas" á súa formación non quedou máis remedio que "dar prioridade a salvar a cidade de Ourense".

"Todo o que dixen sempre o manteño, do mesmo xeito que a miña opinión sobre a Deputación. Se tivésemos maioría absoluta xa estaba o pleno ao 15", sostivo. No entanto, ese punto que DO prometía "comprometía a todos os demais".

"No noso programa electoral incluíanse 50 promesas. Unha delas era romper a maioría absoluta de Baltar e conseguiuse. Condicionamos o goberno da Deputación, agora mesmo Baltar non poderá gobernar como lle dea a gana porque non ten maioría absoluta", afirmou.

Para quen non logre comprender o seu punto de vista, explicou que 'botar' a Baltar non era o único punto do seu programa electoral, senón que "antes había 40 puntos vitais".

"O que fixemos é o que fai unha persoa práctica e que quere a Ourense por enriba de todo, por iso cumprimos o programa electoral, a diferenza doutros que só perseguen satisfaccións persoais ou egos", resaltou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta